Vivir no solo é moito máis que unha banda deseñada, é un proxecto de difusión científica destinado á mocidade que o CCG puxo en marcha no ano 2000. Desde entón non pararon as reedicións e as traducións, con adaptacións ás novas normativas. Tamén se realizaron unha unidade didáctica e outra banda deseñada feita por escolares, dous recursos para dar a coñecer a importancia do solo como sistema vivo necesario para a vida no planeta Terra. As máis recentes de todas esas accións son as traducións ao francés e ao portugués, apoiadas pola Association Française pour l'étude du sol e a Sociedade Portuguesa da Ciência do Solo respectivamente, coas que se pecha o proxecto. Todas as edicións se poden consultar nun web do CCG.
Un pequeno proxecto de gran percorrido
A banda deseñada contaba en 14 páxinas a historia de tres mozos que vivían nunha vila onde se daban diferentes problemáticas relacionadas co uso do solo. Na elaboración do proxecto participaron Marilar Aleixandre como guionista, María Teresa Barral Silva e Francisco Díaz-Fierros como responsables da documentación e asesoramento, e Fran Bueno como autor das ilustracións. Co tempo, este proxecto foi medrando en número de páxinas ata chegar ás 20 e contar con novas traducións e adaptacións.
En 2015, co gallo do Ano Internacional dos Solos, a Delegación Territorial da Sociedad Española de la Ciencia del Suelo en Galicia e o CSIC promoveron a súa adaptación e edición en castelán para difundila a nivel nacional, coa coordinación de Montserrat Díaz Raviña. Baixo o paraugas do proxecto Ciudad Ciencia, unha iniciativa do CSIC a través da súa Vicepresidencia Adjunta de Cultura Científica e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, xurdiu a edición dixital e unha tiraxe de 10 000 exemplares impresos, que se distribuíron entre os centros educativos das 43 cidades adscritas ao proxecto, entre as que estaban as localidades galegas de Cangas do Morrazo e Nigrán. Ese mesmo ano tamén se reeditou en galego coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela. O proxecto complementouse cunha unidade didáctica en varias linguas: galego, castelán e inglés. Na súa realización participaron Mara Noemí Rodríguez Fonteboa como guionista, María Teresa Barral Silva, Montserrat Díaz Raviña e Francisco Díaz-Fierros como responsables da documentación e asesoramento e Montserrat Díaz Raviña tamén como coordinadora. Esta unidade consta de 28 páxinas divididas en dúas partes: a primeira é a común a este tipo de materiais (contexto, obxectivos, contidos, método e criterios de avaliación) e a segunda está directamente relacionada con diferentes actividades que se poden levar a cabo (lectura, conceptos básicos do solo, actividades de laboratorio de campo etc.), para facilitar o labor do profesorado.
Posteriormente o cómic foi obxecto de diversas traducións e adaptacións a novos idiomas, entre eles: o catalán, co financiamento do Centre d'Études Catalanes e a Diputació de Lleida; o inglés, a cargo da Universidade de Santiago de Compostela; e o italiano, da man da Società Italiana della Scienza del Suolo, a Unión Internacional das Ciencias do Solo e o Parque dos Nebrodi (Sicilia). Precisamente esta última institución desenvolve cada 5 de decembro, Día Mundial do Solo, o concurso “Vivere nel suolo: Giornata Mondiale del Suolo”, sobre traballos baseados nos contidos desa banda deseñada.
A edición en galego está presente en todas as bibliotecas dos centros educativos de Galicia incluídas no Plan de Bibliotecas Escolares.
O CCG e os formatos divulgativos
Vivir no solo foi o segundo título dunha serie de bandas deseñadas ideadas desde o CCG no marco do proxecto “Ciencia para todos” co obxectivo de incorporar a ciencia dentro da bagaxe cultural da cidadanía. No caso da poboación máis nova, buscáronse os cómics como mellor formato para chegar a ela. A idea partiu dun asesoramento científico ao que se lle sumou o labor dunha escritora especializada en literatura infantil e o dun recoñecido debuxante para darlle forma. Con estas premisas editáronse en total catro cómics: De quen é a auga?, Parando a marea negra e O sabor das mazás.