“Sempre concibimos o concerto como un proxecto colaborativo e este ano puxemos aínda máis o acento no colectivo xa que, grazas á mestría de Richi Casás, creáse unha banda efémera de 11 artistas que lle da impulso a esta proposta” explicou na rolda Rosario Álvarez. Alejo Amoedo destacou que o Concerto das Letras Galegas “escolma nesta ocasión arredor dunha ducia de pezas do amplo legado recollido nos cancioneiros para ofrecer, cunha envoltura de jazz a cargo de Do Bertau, muñeiras, comparsas, xotas, pasodobres e outros tipos de cantos tradicionais de diferentes zonas de Galicia”. Pola súa banda, Evencio Ferrrero agradeceu na rolda a elección a elección de Carballo para este concerto que “nos permite honrar á nosa tradición desde a comarca de Bergantiños, que ten unha fonda raigame de música tradicional con moitas persoas que serviron de fonte na que beberon os novos valores da música tradicional galega”. O concerto poderá seguirse en directo a través do web do CCG no día do concerto e “na segunda canle da TVG no marco da programación especial do Día das Letras Galegas e despois quedará a disposición da cidadanía na plataforma dixital agalega.gal” explicou Marta Fernández.
O programa do concerto
O Concerto das Letras Galegas arranca coa Comparsa de Mens, en Ordes, recuperada a través das gravacións clásicas feitas primeiro por Alan Lomax cando chegou a Galicia nos anos 50 enviado pola discográfica Columbia e, dúas décadas despois, pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth. Séguelle unha xota de Maruxa das Cortellas, unha das máis sobranceiras informantes en Galicia do toque de pandeiro. No programa destaca tamén o canto de Nadal de Rosa e Adolfina Casás, un dos poucos cantos deste tipo que se conservan en galego. Tamén se escoitaran as Mulleres de Gharghamala, un grupo de cantadoras e tocadoras de Mondariz que seguen mantendo viva a chama da tradición. Do sur da provincia de Pontevedra pasarase ao sur de Ourense para escoitar o canto de canteiros de Faramontaos, que nesta ocasión soará na voz de Tanea. Explica Richi Casás que “os canteiros en todas as culturas acompañaban o seu traballo con cantares rítmicos para acompasar o seu esforzo á hora de mover grandes pedras”. Na recta final do concerto escoitaranse dúas pezas de Cervantes, cantadas a capela nas voces das tres integrantes de Bouba Pandeireteiras sen o acompañamento da banda. Poñen o ramo ao concerto dúas pezas de Santa Mariña, unha xota e unha muiñeira recollidas por Dorothé Schubarth ás veciñas camariñás.
Unha formación única, para un concerto único
Dorothé Schubarth, musicóloga suíza que percorreu Galicia enteira recollendo o noso patrimonio oral popular, foi tamén a autora da novela Os cantos do mar, na que conta a vida dunha comunidade mariñeira que transcorre a través do canto e a poesía nunha vila chamada Bertau. Iso inspirou o nome da formación, creada expresamente para este concerto e que xunta 11 artistas procedentes de distintos eidos musicais. Do Bertau está constituído polas cantareiras e pandeireteiras que conforman o grupo Bouba: Carme da Pontragha, Maca do Pinheiro e Uxía da Pontragha; xunto con Tanea; a contrabaixista Yudit Almeida; o batería Álvaro Trillo; o pianista Fran Trashorras; o trompetista Javier Pereiro; o saxo tenor e soprano Marcos Cives; o trombón José Luis Miranda e o saxo alto Richi Casás, quen tamén é o coordinador desta iniciativa.
A celebración deste concerto é a primeira das actividades culturais previstas entre o Consello da Cultura Galega e o Concello de Carballo no marco dun acordo que asinaron esta mañá os responsables de ambas as entidades. As entradas para o concerto estarán á disposición do público na billeteira do Concello (https://billeteira.carballo.gal/) a partir do xoves, 1 de maio.
Edicións anteriores
O Concerto das Letras Galegas é unha proposta deseñada polo CCG para abrir a festividade do día grande das letras. Cada ano conta coa colaboración do concello onde se celebra. Comezou en 2011 en Santiago de Compostela, cunha edición en que se recuperaba a figura de Lois Pereiro. Repetiu nesta cidade en 2013 con Roberto Vidal Bolaño e en 2019 con Antonio Fraguas. Pontevedra acolleu este concerto en tres ocasións: a primeira en 2012 para lembrar a Valentín Paz-Andrade, a segunda en 2015 en homenaxe a Filgueira Valverde e a última en 2018 coa conmemoración de María Victoria Moreno. O concerto tivo lugar en Lugo no ano 2014 cunha proposta sobre Díaz Castro e os poetas lucenses e en Ourense en 2017 coa homenaxe á figura de Carlos Casares. A décima edición ía ter lugar en Ferrol, pero a pandemia obrigou a mudar os plans iniciais e o concerto emitiuse en directo en streaming desde o Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela. Vigo acolleu a homenaxe a Xela Arias, en 2021 e en 2023 a Francisco Fernández del Riego coa Real Filharmonía de Galicia. En 2022 o Concerto das Letras Galegas celebrouse no Barco de Valdeorras, con Florencio Delgado Gurriarán como protagonista. A Coruña acolleu en 2016 a homenaxe a Manuel María, a cargo de Milladoiro e en 2025 cun programa dedicado a Luísa Villalta.