A monografía As letras das mulleres xunta nun espazo elementos de diversas orixes, as iniciativas, escritos e movementos en prol da presenza das mulleres nas institucións literarias. O especial articúlase en cinco apartados (achegas expertas, instantáneas, escritas no tempo, vídeos e ligazóns) que dan conta dos debates que suscitaron as múltiples tensión sobre a lexitimidade, a paridade e o recoñecemento de prácticas diverxentes.
As mulleres e a Real Academia Galega
A Real Academia Galega é unha das entidades que ten maior protagonismo neste especial. Dunha banda porque se ofrecen dúas galerías gráficas que percorren as mulleres académicas desde 1906, ata o as homenaxeadas co Día das Letras Galegas da RAG, e que singularizan cada unha das autoras e intelectuais elixidas á vez que ofrecen unha liña do tempo do recoñecemento institucional que pon en evidencia as carencias e interrupcións. Tamén se achegan opinións das expertas para actualizar o debate sobre a súa presenza. Ana Romaní e Ánxela Lema ofrecen unha mirada crítica sobre as incomodidades que xorden arredor das autoras homenaxeadas nas Letras Galegas mentres que Susana Aríns aborda unha iniciativa feminista popular d'A Sega para o recoñecemento de autoras co Día das Galegas nas Letras. Canda a elas, as contribucións de Iolanda Veloso, Dolores Vilavedra e María Reimóndez fan memoria de dúas campañas realizadas entre 2010 e 2011 para instar á elección de máis mulleres como académicas de número. O artigo de Rosario Álvarez, publicado na primera edición deste monográfico, en 2006, destaca que a RAG conta con máis académicas que outras corporacións semellantes. A parte histórica chega da man de Helena González cun artigo titulado “Purplewashing na Academia Galega de 1906? O caso das finadas Carmen Beceiro e Rita Corral”.
A documentación histórica recollida no apartado “escritas no tempo”, recupera iniciativas de diverso signo que reivindican unha maior presenza de mulleres nas institucións literarias: a proposta de candidatura de María Xosé Queizán feita polo Consello Municipal da Muller de Vigo en 2010; o manifesto “O xogo das cadeiras” e as reaccións que provocou en 2011; os manifestos da celebración anual “Nosa Señora das Letras” d’A Sega desde 2014; a campaña “Dez mulleres para as Letras Galegas 2018”; e mais o “Manifesto de Soutomaior” publicado en 2021. Salienta neste caso un artigo en Faro de Vigo do escritor Álvaro Cunqueiro titulado “Las Academias y las mujeres” onde apoiaba a candidatura da escritora francesa Françoise Parturier á Academia Francesa para animar a outras mulleres a facer o mesmo. O escritor lamentaba que na Academia española non foran elixidas nin Emilia Pardo Bazán nin Concha Espina, malia as campañas de prensa a favor delas; e de paso aproveitou o escrito para propor a inclusión na Real Academia Galega de Victoria Armesto e Xohana Torres, lembrando que Galicia é o país de Rosalía de Castro.
Iniciativas do CCG
En derradeiro lugar, recompílase documentación sobre iniciativas levadas a cabo polo CCG para poñer en valor o papel das mulleres galegas nos diversos eidos sociais e culturais. Recóllense por unha banda as escritoras galegas engadidas no Álbum de Galicia, coas súas biografías documentadas. O proxecto Cartografías, homenaxe ás pioneiras cun repositorio documental arredor da traxectoria vital e laboral de mulleres salientables en diferentes perfís e por último, o proxecto A Saia, que se basea na recompilación e dixitalización de revistas feministas e LGBTIQ+ dos últimos anos.