O programa do Concerto das Letras Galegas está deseñado para facer un percorrido musical por toda a xeografía galega. Arranca coa Comparsa de Mens, en Ordes, recuperada a través das gravacións clásicas feitas primeiro por Alan Lomax cando chegou a Galicia nos anos 50 enviado pola discográfica Columbia e, dúas décadas despois, pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth. Seguiralle unha xota de Maruxa das Cortellas, unha das máis sobranceiras informantes en Galicia do toque de pandeiro. No programa destaca tamén o canto de Nadal de Rosa e Adolfina Casás, un dos poucos cantos deste tipo que se conservan en galego. Tamén se escoitaran as Mulleres de Gharghamala, un grupo de cantadoras e tocadoras de Mondariz que seguen mantendo viva a chama da tradición. Do sur da provincia de Pontevedra pasarase ao sur de Ourense para escoitar o canto de canteiros de Faramontaos, que nesta ocasión soará na voz de Tanea. Explica Richi Casás que “os canteiros en todas as culturas acompañaban o seu traballo con cantares rítmicos para acompasar o seu esforzo á hora de mover grandes pedras”. Na recta final do concerto escoitaranse dúas pezas de Cervantes, cantadas a capela nas voces das tres integrantes de Bouba Pandeireteiras sen o acompañamento da banda. Poñen o ramo ao concerto dúas pezas de Santa Mariña, unha xota e unha muiñeira recollidas por Dorothé Schubarth ás veciñas camariñás.
Unha formación única, para un concerto único
Dorothé Schubarth, musicóloga suíza que percorreu Galicia enteira recollendo o noso patrimonio oral popular, foi tamén a autora da novela Os cantos do mar, na que conta a vida dunha comunidade mariñeira que transcorre a través do canto e a poesía nunha vila chamada Bertau. Iso inspirou o nome da formación, creada expresamente para este concerto e que xunta 11 artistas procedentes de distintos eidos musicais. Do Bertau está constituído polas cantareiras e pandeireteiras que conforman o grupo Bouba: Carme da Pontragha, Maca do Pinheiro e Uxía da Pontragha; xunto con Tanea; a contrabaixista Yudit Almeida; o batería Álvaro Trillo; o pianista Fran Trashorras; o trompetista Javier Pereiro; o saxo tenor e soprano Marcos Cives; o trombón José Luis Miranda e o saxo alto Richi Casás, quen tamén é o coordinador desta iniciativa.
Edicións anteriores
O Concerto das Letras Galegas é unha proposta deseñada polo CCG para abrir a festividade do día grande das letras. Cada ano conta coa colaboración do concello onde se celebra. Comezou en 2011 en Santiago de Compostela, cunha edición en que se recuperaba a figura de Lois Pereiro. Repetiu nesta cidade en 2013 con Roberto Vidal Bolaño e en 2019 con Antonio Fraguas. Pontevedra acolleu este concerto en tres ocasións: a primeira en 2012 para lembrar a Valentín Paz-Andrade, a segunda en 2015 en homenaxe a Filgueira Valverde e a última en 2018 coa conmemoración de María Victoria Moreno. O concerto tivo lugar en Lugo no ano 2014 cunha proposta sobre Díaz Castro e os poetas lucenses e en Ourense en 2017 coa homenaxe á figura de Carlos Casares. A décima edición ía ter lugar en Ferrol, pero a pandemia obrigou a mudar os plans iniciais e o concerto emitiuse en directo en streaming desde o Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela. Vigo acolleu a homenaxe a Xela Arias, en 2021 e en 2023 a Francisco Fernández del Riego coa Real Filharmonía de Galicia. En 2022 o Concerto das Letras Galegas celebrouse no Barco de Valdeorras, con Florencio Delgado Gurriarán como protagonista. A Coruña acolleu en 2016 a homenaxe a Manuel María, a cargo de Milladoiro e en 2025 cun programa dedicado a Luísa Villalta.


