A actividade do CCG trasládase á Fonsagrada por ser o lugar no que a foliada se consolidou como festival de inverno, exemplo da vitalidade do patrimonio cultural inmaterial galego. O programa comeza coa intervención de Sara González Cambeiro, coordinadora do Plan Nacional de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial e técnica do Instituto del Patrimonio Cultural de España, que ofrece a charla marco titulada “A normativa sobre protección do patrimonio cultural inmaterial”.
A situación particular doutras manifestacións comeza co caso do flamenco a cargo de José A. González Alcantud, catedrático de Antropoloxía Social da Universidad de Granada. Após a súa intervención, falarase do canto alentejano, a cargo de Dulce Simões, doutora en Antropoloxía e investigadora no Instituto de Etnomusicologia da Universidade Nova de Lisboa. Ana García Lenza, lingüista e autora de alegacións nos expedientes de 2018 e 2024 aborda o caso galego coa intervención titulada “A declaración da música e o baile tradicionais galegos como BIC: unha ollada desde a comunidade portadora”.
Remata coa mesa de debate “Os BIC e outras figuras de protección sobre o patrimonio vivo”, conducida polas coordinadoras da xornada, Noemí Basanta e Carme Campo. Como peche, ás 20:00 horas, celebrarase unha foliada aberta, exemplo práctico das manifestacións culturais que se buscan analizar e salvagardar.
A actividade xorde tras o debate xerado arredor da declaración da música e o baile tradicionais galegos como Ben de Interese Cultural (BIC). Desde que en 2018 se iniciou o expediente para recoñecer o baile tradicional galego nesta categoría, diversas entidades e persoas vinculadas á antropoloxía e ao patrimonio etnolóxico cuestionaron o texto inicial presentado, poñendo de relevo aspectos como a separación entre música e baile, a falta de perspectiva de xénero ou a visión do patrimonio como algo do pasado. Hoxe, cun novo texto proposto pola Xunta de Galicia, o debate continúa e fai precisa unha reflexión máis ampla sobre cómo se normativiza, xestiona e transmite o noso patrimonio vivo.
A xornada conta coa colaboración da Asociación Cultural Antaruxas e Sorteiros, a Asociación Cultural Petapouco e a Destempo, máis o concello da Fonsagrada e o IES Fontem Albei.
Sección de Patrimonio e Bens Culturais
Esta cita insírese nunha das liñas de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que coordinada Teresa Nieto e que ten como membros a Nieves Amado, Carlos Amoedo, Paula Ballesteros, Rosa Bendavides, Rebeca Blanco-Rotea, Carlota Eirós, Ana Estévez, Olimpia Rodríguez, Daniel Lorenzo, Juan Monterroso, Francisco Xabier Redondo, Ángeles Pena e Hortensio Sobrado.