Petróglifos, necrópoles, castros, casas e vilas romanas, fábricas de salgadura ou castelos medievais, así como as lendas e a memoria oral vinculada, conforman un rico mosaico que nos fala da forma de vivir, de entender o mundo, de relacionarse coa natureza e de organizarse socialmente que tiñan os nosos devanceiros. A nova entrega de Proxector escolma unha ducia de vídeos que nos falan de oito xacementos e proxectos arqueolóxicos que existen en Galicia. No primeiro dos vídeos, os investigadores Eduardo Méndez Quintas (Universidade de Vigo) e Arturo Lombera Hermida (Universidade de Santiago de Compostela) abordan o traballo arqueolóxico a través dos xacementos nos que traballan, así coma dos lugares onde se expoñen os seus achados. Outro, premiado no "I Festival de Curtametraxes sobre o Patrimonio Arqueolóxico da Provincia de Pontevedra Telearqueoloxía 2016", fala do xacemento da Lanzada (Sanxenxo). A Domus do Mitreo, en Lugo, centra outro dos recursos nos que afonda sobre a estrutura e a función das diferentes estancias da casa romana do período altoimperial. Nesta entrega inclúese un documental dirixido por Marcos Nine que describe o sitio arqueolóxico da "Estación da Ferradura", nos Chaos de Amoeiro (Ourense), unha zona con restos de altísimo valor, con petróglifos podomorfos, outros con forma de serpes, cazoletas... e para os que os investigadores apuntan usos astronómicos e rituais.
O percorrido continúa no castelo da Rocha Forte, en Santiago de Compostela, cunha fortaleza medieval que dá testemuño do poder militar e económico nesa altura do arcebispo compostelán. O castro de Castañoso (A Fonsagrada), o xacemento do Cano dos Mouros (Oia), o proxecto arqueolóxico de San Lourenzo (A Pobra do Brollón) e o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra) completan a entrega deste mes.
O especial pecha cunha entrevista a Celtia Rodríguez González que fala de arqueoloxía de xénero e da súa aplicación na actualidade; das ferramentas e metodoloxías de traballo empregadas nos diferentes xacementos; do proxecto Sputnik Labrego ou da situación laboral dos profesionais da arqueoloxía en Galicia.
Proxector
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.
O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.