Difusión - Arqueoloxía: un bo plan para o verán. Martes, 10 de xuño de 2025

Arqueoloxía: un bo plan para o verán

Proxector Difusión

Arqueoloxía: un bo plan para o verán

Martes, 10 de xuño de 2025
consellodacultura.gal
Difusión
Proxector

Arqueoloxía: un bo plan para o verán

consellodacultura.gal

Arqueoloxía: un bo plan para o verán

Proxector

“Arqueoloxía: un bo plan para coñecer Galicia este verán” é o título da nova entrega de Proxector, iniciativa de divulgación en lingua galega, promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Universidade de Santiago (USC). Con esta entrega, que fai un percorrido polo noso patrimonio arqueolóxico, o catálogo xeral do proxecto supera os 2.000 recursos audiovisuais de divulgación en galego.
Petróglifos, necrópoles, castros, casas e vilas romanas, fábricas de salgadura ou castelos medievais, así como as lendas e a memoria oral vinculada, conforman un rico mosaico que nos fala da forma de vivir, de entender o mundo, de relacionarse coa natureza e de organizarse socialmente que tiñan os nosos devanceiros. A nova entrega de Proxector escolma unha ducia de vídeos que nos falan de oito xacementos e proxectos arqueolóxicos que existen en Galicia. No primeiro dos vídeos, os investigadores Eduardo Méndez Quintas (Universidade de Vigo) e Arturo Lombera Hermida (Universidade de Santiago de Compostela) abordan o traballo arqueolóxico a través dos xacementos nos que traballan, así coma dos lugares onde se expoñen os seus achados. Outro, premiado no "I Festival de Curtametraxes sobre o Patrimonio Arqueolóxico da Provincia de Pontevedra Telearqueoloxía 2016", fala do xacemento da Lanzada (Sanxenxo). A Domus do Mitreo, en Lugo, centra outro dos recursos nos que afonda sobre a estrutura e a función das diferentes estancias da casa romana do período altoimperial. Nesta entrega inclúese un documental dirixido por Marcos Nine que describe o sitio arqueolóxico da "Estación da Ferradura", nos Chaos de Amoeiro (Ourense), unha zona con restos de altísimo valor, con petróglifos podomorfos, outros con forma de serpes, cazoletas... e para os que os investigadores apuntan usos astronómicos e rituais.

O percorrido continúa no castelo da Rocha Forte, en Santiago de Compostela, cunha fortaleza medieval que dá testemuño do poder militar e económico nesa altura do arcebispo compostelán. O castro de Castañoso (A Fonsagrada), o xacemento do Cano dos Mouros (Oia), o proxecto arqueolóxico de San Lourenzo (A Pobra do Brollón) e o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra) completan a entrega deste mes.

O especial pecha cunha entrevista a Celtia Rodríguez González que fala de arqueoloxía de xénero e da súa aplicación na actualidade; das ferramentas e metodoloxías de traballo empregadas nos diferentes xacementos; do proxecto Sputnik Labrego ou da situación laboral dos profesionais da arqueoloxía en Galicia.

Proxector
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.
 
Difusión
Proxector
Arqueoloxía: un bo plan para o verán
Data de publicación
Martes, 10 de xuño de 2025
Onde
consellodacultura.gal
Organiza
Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CCG)
Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CCG)