NOTICIA

----

Unha xornada presenta o proxecto “Lugares de Memoria”

O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este mércores, 11 de xuño (10:00 horas) a xornada “Lugares de Memoria de Galicia: historia e lembranza”. Xosé M. Núñéz Seixas, Ramón Villares, Xurxo Ayán, Ana Cabana e Emilio Ínsua participan nesta sesión que serve de presentación do proxecto “Lugares de memoria”, un catálogo virtual que contará con 75 entradas que profundan no coñecemento histórico do país a través de espazos, conceptos, prácticas, obxectos ou outro tipo de elementos revestidas dun significado particular e cambiante por parte dunha comunidade ao longo do tempo. A sesión pode seguirse en directo desde o web do CCG e da canle de YouTube da institución.

Coa presentación de cinco relatorios que se achegan á historia do país desde a prehistoria ata o século XX e que abranguen tanto a Galicia territorial como a da diáspora, ábrese o proxecto “Lugares de memoria”. Consiste nun espazo web que pretende profundar no coñecemento da nosa historia e do noso patrimonio, material e inmaterial, mediante unha ollada diacrónica, que pon o acento non tanto sobre os lugares en si mesmos, senón sobre as súas interpretacións, permanencias e legado na memoria colectiva do país. O espazo web estará accesible desde o inicio da xornada.

A sesión comeza cunha intervención a cargo de Xosé M. Núñez Seixas que explica os criterios e principios deste proxecto. Xurxo Ayán, do Instituto de História Contemporânea de Lisboa, abordará a relevancia do dolmen de Dombate. Seguiralle Emilio Insua, do IES de Vilanova de Arousa, coa súa intervención sobre a porta de Carlos V ou do Castelo da Ponte de Viveiro. O historiador da Universidade de Santiago de Compostela e expresidente do CCG, Ramón Villares, presentará unha reflexión sobre o monumento aos Mártires de Carral. Ana Cabana Iglesia, tamén da USC, falará do papel do volframio na historia galega, e pechará a xornada o propio Núñez Seixas cunha intervención sobre a Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires.