O encontro pretende indagar de xeito crítico nas prácticas fotográficas contemporáneas, nun contexto tecnolóxico, no que as imaxes están omnipresentes pero tamén teñen un componente efémero. Abrirase coa intervención de Fernando Castro Flórez, profesor de Estética e Teoría das Artes da Universidad Autónoma de Madrid, crítico de arte e comisario de exposicións, que abordará a cuestión da verdade revelada na imaxe fotográfica. Xa pola tarde, a primeira sesión de relatorios contará coa participación de Paco Gómez, fotógrafo, escritor, editor e deseñador de exposicións, que falará sobre os fototextos autoeditados, e de Manuel Vilariño, fotógrafo e poeta galardoado co Premio Nacional de Fotografía no ano 2007, que reflexionará sobre a fotografía como luz e tempo.
O venres, Antonio Ansón, escritor especializado en fotografía e autor de títulos como Hijos del agobio (Exit) e Ojos que no ven (Cátedra), ofrecerá unha intervención baixo o título: Porque ese ceo azul que todos vemos nin é ceo nin é azul. Após a súa intervención haberá unha sesión de relatorios a cargo de Rebecca Mutell e Martí Llorens, fotógrafos, investigadores e cofundadores da Factoría Heliográfica. Mutell afondará nas utopías, materialidades e prácticas da orixe da fotografía, mentres que Llorens analizará os textos fundacionais do medio entre os anos 1816 e 1844.
Na sesión da tarde, Miguel Fernández-Cid, director do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, presentará unha reflexión sobre os paradoxos da visión, e de Rosendo Cid, artista e escritor, que ofrecerá unha intervención co título “Escribir sobre fotografía é como bailar de arquitectura”. Trala pausa, desenvolverase a última sesión de relatorios. Nela participarán Andrea Costas Lago, artista visual e docente, que tratará a cuestión do canon e a sospeita dende a perspectiva das fotógrafas, e Mar Caldas, tamén artista e docente, que afondará nas prácticas fotográficas feministas cunha intervención titulada Entre a pesca e o mergullo.
Sección de Creación e Artes Visuais
Esta xornada encádrase na liña de traballo da sección coordinada por Paula Cabaleiro e integrada por Rosendo Cid, Carmen Díaz Cacheda, Silvia García González, Javier Pérez Buján, Luisa Pita, Ramón Rozas Domínguez, Rosario Sarmiento Escalona, Eduardo Valiña, Manuel Vilariño Seco e Lucila Yáñez Anllo-Vergas.