Manuel Torres (Marín, 1901–1995), pintor de referencia na historia da arte galega do século XX e habitualmente relegado a un segundo plano na relación dos grandes nomes da xeración coñecida como Os Renovadores. Esta actividade pretende poñer en valor unha traxectoria singular que, pola súa calidade plástica e coherencia vital, merece ocupar un lugar destacado ao carón de artistas como Laxeiro, Colmeiro, Souto ou Maside. A vida e obra de Manuel Torres estivo fondamente vencellada ao seu lugar de orixe, Marín, onde desenvolveu unha carreira dividida en dúas etapas ben definidas: unha primeira, entre 1927 e 1936, na que as bolsas da Deputación de Pontevedra lle permitiron formarse en Madrid e París, incorporándose ao movemento de renovación estética da arte galega; e unha segunda, marcada polas consecuencias da posguerra, durante a que permaneceu na súa vila natal, nunha sorte de exilio interior, alleo aos grandes circuítos da arte pero profundamente enraizado no territorio e na cultura mariñeira.
A xornada
A xornada comezará cun relatorio de Carlos L. Bernárdez, comisario de exposicións, crítico de arte e académico da Real Academia Galega de Belas Artes, quen ofrecerá unha análise do contexto histórico e artístico da xeración de entre guerras. A continuación, o xornalista cultural e crítico de arte Ramón Rozas afondará na figura e traxectoria de Manuel Torres, subliñando a singularidade da súa proposta creativa. A sesión rematará cunha mesa redonda na que participarán, ademais dos dous relatores, Antón Sobral, pintor e activista cultural cun vínculo persoal con Torres, e Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra, institución que conserva unha parte esencial do legado artístico do autor.
Esta iniciativa supón unha nova achega ao recoñecemento e divulgación da obra dun dos artistas máis significativos, e ao tempo máis esquecidos, da modernidade plástica galega.
O ciclo Revisando a nosa arte
A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas puxo en marcha en marzo de 2022 Revisando a nosa arte, un ciclo que pretende achegarse ás figuras máis representativas das artes visuais de comezos do século XX. Isto implica afondar no Movemento Renovador da pintura galega que iniciou Castelao, proseguiu Carlos Maside e secundaron Arturo Souto, Laxeiro ou Manuel Colmeiro, e que se enriqueceu nas décadas seguintes con novas poéticas e tendencias. Estas xornadas tratan de poñer en valor e reinterpretar as obras destes e doutros artistas, a súa produción e as súas traxectorias. O ciclo comezou cunha análise da figura de Carlos Maside e continuou coas de Laxeiro, Maruja Mallo, Arturo Souto, Julia Minguillón, María Antonia Dans, Guillermo Monroy, Mon Vasco, Luis Borrajo, Alberto Datas, Xaquín Marín e Reimundo Patiño, Paco Pestana, Alberto Datas e Tino Grandío.



