Xornada - Manuel Torres. O renovador descoñecido. 17 de xuño de 2025

Manuel Torres. O renovador descoñecido

Xornada

Manuel Torres. O renovador descoñecido

Revisando a nosa arte

17 de xuño de 2025
Marín
Xornada

Manuel Torres. O renovador descoñecido

Revisando a nosa arte

17 de xuño de 2025 Marín
Acostumado a figurar sempre no último lugar desa relación de pintores da mellor xeración da nosa plástica, a coñecida como Os Renovadores, que nos anos trinta do pasado século incorporaron as achegas das vangardas históricas á nosa pintura, Manuel Torres convértese no protagonista dunha xornada que, dentro do ciclo Revisando a nosa arte, quere poñer en valor e revisitar unha traxectoria que no creativo, e neses momentos concretos, pode situarse ombro con ombro coa dos seus compañeiros de camada: Laxeiro, Colmeiro, Souto e Maside.

Manuel Torres (Marín, 1901-1995) é o protagonista dunha longa traxectoria pictórica na súa terra, nese Marín no que o mar e as tarefas vencelladas con el serán motivos permanentes na súa obra tanto no aspecto físico do territorio como no aspecto humano. Podemos dividir a súa traxectoria en dúas partes. Unha terá lugar entre 1927 e 1936, alentada polas bolsas da Deputación de Pontevedra, o coñecemento de experiencias pictóricas en Madrid e París e a súa decidida participación nese momento de cambio da pintura en Galicia. Outra será a que xorde das consecuencias desa posguerra e a estadía permanente, ata o seu pasamento, na súa vila natal, un caso insólito fronte ao dos seus compañeiros de xeración, que, por distintas circunstancias, desenvolveron a súa vida e obra en diferentes latitudes.

Un primeiro relatorio da man de Carlos L. Bernárdez será o que nos sitúe nese contexto tan definido polas circunstancias históricas e sociais, así como nas conquistas pictóricas e miradas singulares de cada un dos compoñentes dese movemento renovador. A segunda palestra, a cargo de Ramón Rozas, deterase polo miúdo na figura de Manuel Torres, tanto no creativo como no vital, e en de que maneira todo ese tempo se asume como un exilio interior en Marín. Rematará a xornada, que se levará a cabo no Museo Manuel Torres de Marín, cunha mesa redonda á que se incorporarán, ademais dos dous relatores, Antón Sobral, pintor de Marín cunha relación persoal co propio Manuel Torres, e Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra, onde se gardan varias das súas pezas artísticas máis relevantes.
Ficha técnica 
Xornada
Manuel Torres. O renovador descoñecido
Revisando a nosa arte
Cando
17 de xuño de 2025
Onde
Marín
Lugar

Museo Manuel Torres
Avda. de Ourense, 3
36900, Marín

Coordinación
Ramón Rozas Domínguez
Relator/a
Carlos L. Bernárdez
Ramón Rozas Domínguez
Antón Sobral Iglesias
Ángeles Tilve Jar
Modera
Ramón Rozas Domínguez
Presenta
Rosario Álvarez
Paula Cabaleiro Comesaña
María Ramallo Vázquez
Ramón Rozas Domínguez
Organiza
Consello da Cultura Galega
Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas (CCG)
Colabora
Concello de Marín
Museo Manuel Torres

Imaxe da portada: Manuel Torres, Bodegón dos cacharros, 1965