A quinta mesa do foro participativo analizará a situación do galego no comercio, nas empresas, no turismo cultural, na comunicación corporativa e na economía dixital. Ademais, tamén prestará atención ao que no ámbito do deporte e do lecer. Na sesión participan Fátima Rodríguez Figueiras, destacada polo seu labor como consultora en Promove, unha firma especializada en estratexias de desenvolvemento territorial e innovación social; Mercé Barrientos, que combina a excelencia deportiva no taekwondo cunha sólida traxectoria como docente, sendo referente na formación e motivación da mocidade; e Xosé Lois Lamazares, quen lidera a empresa Daveiga, coñecida polas Galletas Mariñeiras, un exemplo de emprendemento sostible e con compromiso co rural galego.
Despois das mesas das intervencións terá lugar o diálogo estruturado facilitado pola cooperativa Rexenerando no que teñen confirmada a súa asistencia Pepe Formoso, fundador do Hotel Bela Muxía, cuxo proxecto representa unha forte aposta polo turismo con raíces e identidade; Rosana Prieto Florines, guía de turismo en Galsentur, empresa especializada en turismo receptivo e experiencias auténticas; e Adrián Dios, presidente do Club de baloncesto ADB Fontiñas, cunha traxectoria centrada na dinamización social a través do deporte de base. Tamén formarán parte do diálogo Silvia Carregal, xornalista deportiva e directora do medio As Nosas, unha das principais voces na visibilización do deporte feminino; Emi Candal, responsable da cooperativa Urdime, que leva anos impulsando proxectos culturais e educativos desde o cooperativismo; Óscar Senra, integrante de MAOS Innovación Social, colectivo que promove novas formas de organización e economía transformadora; e Pedro Boquete, director executivo da marca Deleite, símbolo de renovación e valor engadido no sector agrogandeiro galego.
Formas de participación no foro
A cidadanía pode participar nesta mesa e nas outras do foro de diferentes maneiras. A primeira é mediante un cuestionario en liña aberto durante todo o proceso ao que calquera persoa (a título individual ou no nome dalgún colectivo) pode enviar as súas propostas relativas ás diferentes áreas de análise. A segunda é presencial e terá lugar en cada unha das mesas. Quince días antes abrirase un formulario de inscrición para poder asistir presencialmente a cada sesión, que se desenvolverá na sede da institución e cuxas prazas son limitadas debido ao formato das mesas de traballo.
Tamén se pode participar a través da emisión en liña de cada evento. Como é habitual nas actividades do CCG, as diferentes mesas serán emitidas en directo en streaming e logo permanecerán dispoñibles no web da institución. Deste modo, poderanse ver intervencións en calquera momento e remitir as súas consideracións a través do formulario. Por último, no peche do proceso, no outono, terá lugar un foro aberto á cidadanía, no que se presentarán as primeiras conclusións que se debaterán co público asistente para arrequentar o documento final de propostas.



