A xornada deste xoves busca afondar nas raíces políticas, xurídicas e culturais da exclusión, así como nas posibilidades de resistencia e transformación. A sesión dará comezo cun relatorio da coordinadora do CDIF, Carme Adán, titulado “Habitar na violencia: conceptos e datos”, que sentará as bases teóricas para entender as violencias como estruturas normalizadas e persistentes. A partir de aí, abriranse espazos de diálogo arredor de cuestións como a lexislación actual e os seus límites fronte ás violencias por razón de orientación ou identidade, nunha mesa na que participarán voces do ámbito xurídico e político baixo a moderación da investigadora Daniela Ferrández.A violencia simbólica e política tamén terá un espazo propio cunha intervención de Carlos Callón, que proporá unha lectura baixo o título “De Sodoma a Trump: a violencia como fío condutor”, convidando a conectar discursos de odio históricos co presente sociopolítico.
Xa pola tarde, o sociólogo Javier Sáez achegará a súa análise sobre a biopolítica do armario, poñendo sobre a mesa o papel do poder institucional na xestión da disidencia sexual. A continuación, unha mesa composta por Mai Insua, Daniela Ferrández e Ánxela Lema París abrirá unha conversa centrada nas violencias específicas que afectan as mulleres e persoas LGBTIfóbicas, desde unha perspectiva interseccional e feminista. Carme Adán volverá asumir o papel de moderadora neste espazo de encontro. A xornada pecharase cunha intervención artística da man de Russ, artista sonora e DJ, que ofrecerá unha experiencia sensorial a modo de peche simbólico e político, reafirmando o lugar da arte como ferramenta de resistencia fronte á violencia.
Un novo recurso na saia
A Saia incorpora ao seu catálogo 5 números de Galiza Nación Cuir. Fanzine da Comisión de Sexo, Xénero, Diversidade e Políticas LGBTQI da Galleira, de Ourense. Creouse como instrumento para o activismo pola diversidade sexual e de xénero en Galicia e na procura da resistencia desde as marxes. De orientación feminista, independentista, decolonial e socialista, ten o obxectivo de recoller e promover os debates vixentes da teoría cuir (queer) do transfeminismo, da ruralidade, da gordofobia e da diversidade funcional, entre outros.
A Saia é un proxecto conxunto do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega e mais de ADHUC - Centre de Recerca Teoria, Gènere, Sexualitat da Universitat de Barcelona. O proxecto, iniciado no ano 2012, tomou o seu nome da publicación homónima A Saia, a primeira revista feita por un colectivo feminista independente en Galicia. O seu obxectivo é poñer progresivamente á disposición do público documentación de utilidade para todas as persoas interesadas nos movementos feministas e LGBTIQ+ e na historia contemporánea.



