Esta nova achega ao Álbum de Galicia pon luz sobre unha silueta “difusa entre as brétemas da historia do nacionalismo galego”, segundo recolle a propia entrada. Ramiro Isla Couto desenvolveu unha vida “esgazada en diversas etapas”, que o levou desde a emigración económica á Arxentina en 1911 até o seu regreso definitivo a Galicia en 1957, tras longos anos de exilio en México, Colombia e Venezuela. No seu periplo, participou activamente en organizacións nacionalistas, culturais e editoriais que sementaron o pensamento galeguista tanto na diáspora como no interior. Pastoriza destaca que, xa desde moi novo, Isla Couto “coñeceu ao seu futuro sogro Farruco Lamas Salgado, promotor da Agrupación Rexionalista A Terra, na que se integrou en 1917 como directivo e bibliotecario”, e establece unha relación de amizade vitalicia con Rodolfo Prada, outro nome esencial do galeguismo.
O seu papel foi clave na creación de espazos de expresión galega na emigración. En 1923, desde Arxentina, promove a primeira revista monolingüe en galego alén mar, Terra. Idearium da ING n’América do Sul, e colabora activamente co xornal A Fouce e coa revista Céltiga, desde onde impulsa a sección “Idearium Galeguista”.
Durante a Guerra Civil, trala súa detención en Verín en 1936 e posterior paso por Portugal, Portugal e Francia, converteuse nun elo fundamental nas redes de apoio ao exilio galeguista. Pastoriza subliña que “desde París colaborou, xunto con Florencio Delgado Gurriarán e ao abeiro do Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles (SERE), na organización do embarque cara a México e Chile dos refuxiados galegos nos barcos da liberdade”. Do seu traballo empresarial, a entrada destaca que, xunto co empresario galeguista Ramón Obella, rexistraron a marca comercial Zeltia en 1938, xerme da posterior farmacéutica galega. Ademais, lembra que en 1948 entrou a traballar para os Laboratorios Roche como xefe de visitadores médicos e delegado de propaganda en Colombia e Venezuela, empresa na que coincidiu con Lois Tobío.
Xa no exilio americano, continuou a súa actividade cultural e política: en México fundou o grupo Saudade, participou na edición da súa revista homónima e apoiou a publicación de obras como o Cancioneiro da loita galega. En Colombia representou ao Consello de Galiza e integrou a delegación de Galeuzca. En Venezuela, liderou o Ateneo Gallego, foi representante da Editorial Galaxia e impulsou a publicación da homenaxe a Otero Pedrayo e o Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano de Eladio Rodríguez.
Ao seu regreso, traballou na Fundación Penzol e colaborou coa Editorial Galaxia e a Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos (SEPT), continuando o seu labor de promoción da cultura galega. En 1986 recibiu a Medalla Castelao da Xunta de Galicia. Morreu en Vigo en 1987, ano en que seus irmáns, Celso e Manolo, máis o matrimonio de Cristina Nóvoa con Xaime Isla constituíron a Fundación Isla Couto.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. Na actualidade conta con máis de 780 entradas, das cales as máis recentes son as Faustino Rey Romero, Baldomero Isorna Casal, Roberto Vidal Bolaño, María Luisa Iglesias Losada e Prudencia Piñeiro.. As biografías do Álbum están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.


