O gasto en cultura na Administración local en Galicia. Documento de traballo. 2025
O informe, que está dispoñible para descarga desde o web da institución, presenta unha importante novidade xa que pon o foco no gasto liquidado e non nos orzamentos, é dicir, nos gastos efectivamente realizados e cuxos datos son proporcionados ao Ministerio de Facenda polas propias administracións. “É a primeira vez que se fai e constitúe tamén unha contribución á rendición de contas e á transparencia” apuntou Casares. Co apoio metodolóxico do IDEGA, analizouse a totalidade dos concellos galegos en tres exercicios: en 2015, por ser o primeiro ano no que se aplica o cambio normativo vixente; en 2019, antes da COVID-19; e en 2022, o último do que se dispuña de información completa no momento de iniciar o estudo.
A variabilidade nos concellos
O estudo conclúe que Santiago de Compostela e A Coruña son os concellos que máis recursos investiron en actividades culturais, tanto en termos per cápita como en proporción sobre o gasto local. No primeiro caso, 141,23 euros por habitante, o que representa o 11,9% do total, mentres que na Coruña a cifra é de 121,50 euros, equivalentes ao 11,1%. Tamén se observa en ambos unha tendencia ascendente que, “en niveis absolutos máis baixos, é extensible ás cidades de Ferrol, Lugo e Vigo”. Séguenlle Pontevedra (69,35 euros), Ferrol (64,75 euros) e Lugo (62,10 euros), con porcentaxes de gasto en cultura do 7,3%, 6,0% e 5,6%, respectivamente. Non obstante, o informe conclúe que a intensidade do esforzo cultural non está determinada polo tamaño demográfico nin pola densidade de poboación, senón polo grao de prioridade política e simbólica que cada concello lle concede a este ámbito. Isto explica que municipios medianos e pequenos, independentemente da súa estrutura poboacional, poidan alcanzar niveis de investimento cultural comparables ou mesmo superiores aos das cidades, que dispoñen dunha maior capacidade de gasto absoluto tanto polo volume de poboación ao que deben atender como pola posibilidade de manexar grandes partidas orzamentarias.
Hai numerosos concellos medianos e pequenos que superan os 100 euros de gasto por habitante, como son, entre outros: Mugardos, O Grove, Padrón, Ortigueira, Abegondo, Outes, Vimianzo, Celanova, Esgos, O Saviñao, Boborás, Folgoso do Courel ou Vilariño de Conso.
Outro dos achados do informe é que o gasto en cultura varía substancialmente duns concellos a outros, polo que os servizos culturais que recibe a cidadanía difiren de maneira significativa segundo o lugar de residencia. O estudo clasifica os concellos en catro grupos (máis de 50.000 habitantes; entre 20.000 e 49.999; entre 5.000 e 19.999; e menos de 5.000 habitantes) e calcula o gasto liquidado declarado por cada un. Ademais, recomenda ás administracións locais un correcto rexistro e codificación dos gastos realizados por cada entidade. Nese sentido, desde o Observatorio da Cultura Galega apúntase que, máis alá das diferentes preferencias de gasto que cada entidade municipal pode lexitimamente manter, o feito de que, por unha banda, numerosos concellos non declaren ningún gasto nalgunhas partidas e, por outra, que outros asignen a totalidade do seu gasto cultural a unha única partida funcional, inevitablemente xera desconfianza sobre o tratamento das liquidacións orzamentarias.
A estabilidade nas deputacións
A estabilidade do gasto e o seu moderado incremento por persoa son dúas características comúns ás deputacións galegas. Con todo, existen diferenzas entre elas. As de Lugo e Ourense son as que máis gastan per cápita, con 19,84 e 18,66 euros respectivamente. Segundo o informe, isto débese a que contan “cun maior volume de recursos en relación coa súa poboación”, o que tamén “explica as diferenzas existentes en renda per cápita con respecto ás provincias de Pontevedra e A Coruña”. Por partidas, as deputacións de Ourense e A Coruña destinan a maior parte do gasto á promoción cultural (93,8% e 65,8%, respectivamente), mentres que nas de Pontevedra e Lugo a partida máis relevante corresponde a Museos e equipamentos (39,7% e 46,6%). As instalacións de tempo libre, as festas e a administración xeral da cultura teñen, nas catro deputacións, un peso máis reducido.
O informe tamén destaca “que existen partidas orzamentarias nas cales algunhas deputacións declaran non dedicar ningún recurso monetario durante todo o período examinado”. Ademais, incide na estabilidade da proporción de gasto cultural sobre o total en todas as deputacións. Por último, o estudo, ademais de avaliar o grao de compromiso real das administracións galegas coa cultura, pretende servir como ferramenta para mellorar a planificación e execución futuras, así como para fortalecer a confianza da cidadanía nas institucións.




