A cita encaixa dentro do formato In Situ co que a Sección de Patrimonio de Bens Culturais do CCG traslada a súa actividade ata o territorio que se analiza. Nesta ocasión entre dúas serras —ao norte o Parque Natural do Invernadoiro e ao sur a Serra Seca— para abordar a relación entre patrimonio, lugares e memoria a propósito do impacto que tivo neste territorio a construcción nos anos setenta do encoro das Portas. A cita, que combina visita guiada con relatorios científicos, desenvólvese no día en que os vecinos celebrano San Martiño, patrón da aldea de Veigas de Camba, asolagada polo encoro das Portas. O lugar coñecido como o “mar interior de Ourense” ten a presa máis alta de Galicia con 141 metros.
O programa
A xornada comezará cunha visita guiada por Nieves Amado, Fernando Serrulla e Jose María Pérez a través da Serra Seca. Coñeceranse diferentes tramos do Camiño de Santiago, o antigo camiño dos segadores e o vello trazado do ferrocarril, explorando tamén a paisaxe que rodea o encoro das Portas. A ruta permitirá identificar o emprazamento orixinal da aldea de Veigas de Camba, hoxe asolagada, e faranse paradas noutros puntos de interese histórico e natural. A visita culminará na Venda da Capela, lugar de encontro da diáspora de Veigas de Camba, onde cada ano se celebra a romaría de san Martiño. Neste espazo, a alcaldesa de Vilariño de Conso inaugurará un panel informativo que sinalará a situación exacta da aldea desaparecida e ofrecerá información xeral sobre a súa historia e a súa relación co encoro.
Xa pola tarde, na Casa da Viúva da Gudiña, desenvolverase unha sesión de relatorios nun marco interdisciplinario. A primeira intervención, a cargo de José María Pérez López, centrarase na historia e nas características técnicas do encoro das Portas, afondando nas razóns da súa construción e no impacto que tivo sobre Veigas de Camba. A continuación, da man de Nieves Amado abordarase o patrimonio cultural que quedou asolagado polas augas, coa intención de recuperar a memoria dos elementos materiais e inmaterial que formaban parte do territorio. De seguido, Fernando Serrulla Rech abordará o proceso xudicial que mantiveron as veciñas e veciños contra a empresa construtora, xunto con algunhas reflexións e propostas de futuro.
Despois dunha breve pausa, pecharase a xornada cunha mesa da memoria, moderada por Carlos Xabier Ares Pérez e conformada por representantes da veciñanza de Veigas de Camba e Campobecerros. Será un espazo para compartir testemuños, lembrar experiencias vitais e manter viva a memoria colectiva das comunidades que foron desprazadas pola construción do encoro.



