----

A veciñanza e especialistas destacan o impacto emocional e cultural da construción do encoro das Portas

Os veciños e as veciñas de Veigas de Camba abandonaron en 1974 a aldea que, pouco despois, quedou asolagada baixo as augas do encoro das Portas. A memoria daquel acontecemento regresou na tarde deste domingo 7 de setembro á casa da Viúva na Gudiña da man dos antigos veciños e veciñas así como de diferentes especialistas. Foi no marco da xornada “A memoria asolagada: Veigas de Camba e a Lama no encoro das Portas” que organizou a sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) baixo a coordinación de Nieves Amado. Rosario Álvarez, presidenta do CCG; Néstor Ogando, alcalde da Gudiña e Teresa Nieto, coordinadora da sección de Patrimonio e Bens Culturais inauguraron a xornada que foi gravada e subirase ao web do CCG.

A xornada celebrouse no día en que os antigos veciños e veciñas de Veigas de Camba celebraron o San Martiño, patrón da aldea asolagada. Comezou pola mañá cunha visita a través da Serra Seca guiada por Nieves Amado, Fernando Serrulla e José María Pérez. Nela atravesáronse diferentes tramos do Camiño de Santiago, o antigo camiño dos segadores e o vello trazado do ferrocarril, explorando tamén a paisaxe que rodea o encoro das Portas. A ruta buscaba identificar o emprazamento orixinal da aldea de Veigas de Camba con paradas noutros puntos de interese histórico e natural. A visita culminou na Venda da Capela onde a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, inaugurou un panel informativo que sinala a situación exacta da aldea desaparecida e ofrece información xeral sobre a súa historia e a súa relación co encoro.

Na sesión de relatorios, José María Pérez López destacou as características técnicas do encoro das Portas que foi deseñado a mediados dos anos cincuenta. É o segundo máis grande de Galicia e unha das grandes reservas de auga doce de Galicia. Con capacidade para máis de 500 hectómetros cúbicos, a súa presa, de máis de 140 metros de altura, destaca polo seu deseño impoñente e polo papel clave que xoga na produción de enerxía limpa. Integrado no sistema hidroeléctrico do río Camba, o encoro non só garante a xeración de electricidade renovable, senón que tamén contribúe á regulación dos caudais e á conservación dos recursos hídricos na zona. De seguido, da man de Nieves Amado, abordouse o patrimonio cultural que quedou asolagado polas augas. Destacou os elementos patrimoniais asolagado e todas construcións nas que viviron os preto de 4.000 traballadores que tivo a construción do encoro. De seguido, Fernando Serrulla Rech abordou o proceso xudicial que mantiveron as veciñas e veciños contra a empresa construtora. “Un proceso longo e complicado no que participou a parte máis grande dos habitantes do lugar”. Serrulla Rech, quen analizou a documentación dun dos abogados que defendeu á maioría dos veciños, explicou que “no momento no que os veciños e as veciñas foron expropiados e perderon, por tanto a propiedade do monte converténdose nunha trampa para eles”.

Os testemuños, experiencias e recordos a cargo dos veciños e veciñas das comunidades que foron desprazadas pola construción do encoro fuxeron os ramo á xornada. Alí lembraron tanto a vida no lugar, debullaron a forma en que refixeron as súas vidas e como se continúan a xuntar na Venda da Capela, no lugar que se levantou unha ermida na que celebrar o seu patrón: o san Martiño.