NOTICIA

----

A institución recibe por primeira vez ao corpo consular acreditado en Galicia

O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza o vindeiro luns, 22 de setembro (sede do CCG, 10:30 horas), a xornada “Diplomacia e cultura” que reúne por primeira ao corpo consular acreditado en Galicia. O encontro supón unha oportunidade para afondar nos vencellos entre a diplomacia consular e a historia contemporánea do noso país ademais de abrir novas vías de colaboración de cara ao futuro. As persoas interesadas en asistir teñen que enviar un correo electrónico a exterior@consellodacultura.gal.

A acción consular tivo un papel destacado no acompañamento dos procesos migratorios, na protección dos dereitos da cidadanía galega no exterior e na construción de pontes culturais e económicas que aínda perduran. Na historia contemporánea de Galicia non faltan exemplos nos que membros do corpo consular deixaron achegas relevantes á nosa cultura. Con esta xornada, o Consello da Cultura Galega busca establecer un diálogo fluído e permanente co corpo consular, co obxectivo de favorecer o coñecemento mutuo, reforzar a proxección internacional da cultura galega e afondar no fortalecemento das relacións culturais. Ademais, constitúe un punto de partida para compartir experiencias, identificar intereses comúns, contribuír ao acollemento e á inserción social de persoas de diversas orixes e subliñar o papel da cultura como instrumento clave na acción exterior de Galicia.

Programa da xornada
A sesión abrirase coa intervención de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, acompañada por Xavier Queipo, coordinador da Comisión técnica de relacións institucionais e acción exterior do CCG. A continuación, Emilia García López, integrante da mesma Comisión técnica, ofrecerá unha reflexión baixo o título “Diplomacia cultural desde Galicia: a acción exterior do Consello da Cultura Galega”, que condensa as liñas de traballo e acción da institución.
Nesa mesma xornada, a profesora titular de Historia de América da Universidade de Santiago de Compostela, Pilar Cagiao Vila, ofrecerá un relatorio titulado “Notas para unha acción consular en Galicia”. O encontro incluirá tamén un coloquio aberto para intercambiar ideas e conclusións.