----

A institución asiste a un foro sobre o papel da cultura no marco do MONDIACULT

O Consello da Cultura Galega (CCG) asiste en Barcelona a unha xornada organizada polo clúster European Union National Institutes for Culture (EUNIC) no marco de MONDIACULT 2025, a Conferencia Mundial de Políticas Culturais promovida pola UNESCO que comeza hoxe. A institución galega participará na sesión titulada Cultural Institutes addressing Global Challenges, desenvolverase este martes 30 de setembro no Institut d’Estudis Catalans e forma parte do Civic Agora, un programa de debates e espazos de encontro que integra voces locais e internacionais para reflexionar sobre o papel da cultura na construción das sociedades contemporáneas.

A xornada, á que asiste Emilia García, responsable de Acción Exterior do CCG, inclúe dúas mesas redondas. A primeira, titulada “New Challenges in Foreign Language Teaching in the Age of AI”, abordará o papel da intelixencia artificial no ensino de linguas estranxeiras e a súa relación coa diversidade lingüística, no marco das celebracións do Día Europeo das Linguas. Entre os participantes estarán Nicky Hockly (British Council), Ares Llop Naya (UOC), Luis García Montero (Instituto Cervantes) e Anna Solé Mena (Comisión Europea). A segunda, titulada “Cultural Dialogue and the Role of Cultural Institutes in a World in Conflict”, centrada no papel dos institutos culturais para promover o diálogo e a cooperación internacional a través de acordos, residencias artísticas e outras iniciativas. Intervirán, entre outros, Nikita Dhawan (TU Dresden), Volodymyr Sheiko (Instituto Ucraïno), Johannes Ebert (Goethe-Institut), Hugues Ghenassia-de Ferran (Institut français), Marco Maria Cerbo (EUNIC) e Liviu Sebastian Jicman (Instituto Cultural Romanés).

A presenza do Consello da Cultura Galega en MONDIACULT 2025 subliña o compromiso da institución coa internacionalización da cultura galega e coa súa participación activa nas redes europeas de cooperación cultural.