----

A biografía do poeta Francisco Cortegoso súmase ao Álbum de Galicia

“A poesía de Cortegoso sorprende pola escasa ou nula presenza do suxeito no poema e polo uso dunha linguaxe creativa, deliberadamente libre e complexa”. Así o afirma Gonzalo Hermo, poeta e autor da entrada sobre Francisco Cortegoso (Bora, Pontevedra, 1985-2016) que hoxe se incorpora ao Álbum de Galicia, colección dixital de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG). A través da entrada e dos materiais complementarios pódese percorrer o itinerario vital e literario deste creador.

Francisco Cortegoso

A nova entrega do Álbum de Galicia detense na figura e obra de Francisco Cortegoso. O autor da entrada, o tamén poeta Gonzalo Hermo, destaca que “a poesía de Cortegoso móvese entre altos graos de abstracción, que permiten vincular a súa obra ao pensamento especulativo, e a materialidade máis próxima dos corpos e das cousas”.

Nado en Pontevedra en 1985, fillo de emigrantes galegos en Suíza, Cortegoso criouse cos avós en Bora, parroquia pontevedresa que marcou fondamente o seu imaxinario poético e onde morreu tras serlle detectado un cancro. Comezou os estudos de Dereito en Santiago de Compostela pero acabou estudando Filoloxía Galega movido pola súa paixón pola literatura. Co cambio, explica a entrada, entrou en contacto cos escritores da súa xeración e comezou a escribir dous proxectos poéticos en paralelo: Suicidas —que vería a luz en 2016, pouco antes da súa morte— e Carta ao poeta español, un diálogo literario coa obra de Leopoldo María Panero que permanece inédito.

A súa voz poética sorprendeu desde moi cedo pola súa madurez, chamando a atención de críticos como Arturo Casas, e comezou a publicarse en medios como Revista das Letras ou a revista Grial.

Na entrada destácase o carácter inquieto do autor. En 2013 instalouse en Ramatuelle, na Provenza, onde aprendeu francés e entrou en contacto coa filosofía de Jean-Luc Nancy e cos simbolistas franceses, en especial Stéphane Mallarmé. Nese tempo escribiu Memorial e danza, co que gañou o Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. O discurso de aceptación, escrito durante unha viaxe á India, reflectía xa a súa visión da poesía como relación entre o poema e o saber humano.

No outono de 2014 trasladouse a París, onde traduciu a poetas como Yves Bonnefoy ou Éric Sautou, ata que un ano despois lle diagnosticaron un cancro que o levou a regresar a Galicia. Francisco Cortegoso faleceu en Pontevedra en 2016, o mesmo día en que Suicidas chegaba ás librarías da man da editorial Chan da Pólvora.

Tal e como lembra a entrada do Álbum de Galicia, nos meses posteriores ao seu falecemento sucedéronse homenaxes en Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, así como o acto colectivo «Por un amor común», celebrado no Teatro Principal de Pontevedra en maio de 2017, no que escritores e artistas amigos celebraron a súa vida e a súa obra.

Sobre a súa obra, Gonzalo Hermo subliña na entrada que a poesía de Cortegoso sorprende pola “escasa ou nula presenza do suxeito no poema” e polo “uso dunha linguaxe creativa, deliberadamente libre e complexa”. En Memorial e danza (2014) explora un espazo poético naturalizado, atravesado por especies vexetais vistas «cunha ollada fulgurante». En Suicidas (2016), pola contra, parte da lectura de poetas como Paul Celan, Marina Tsvetaeva ou Sylvia Plath para «procurar unha poética capaz de acoller ao outro, é dicir, liberar a linguaxe do abismo da violencia». Xa en 2023, a editorial Chan da Pólvora reuniu os seus últimos textos en Nocturno de verán, volume que tamén inclúe poemas dispersos e achegas doutros autores.

Con esta nova entrada, o Álbum de Galicia recoñece a relevancia dun poeta que, en palabras de Gonzalo Hermo, “representa unha das apostas máis arriscadas e orixinais da súa xeración” e que fixo da escrita a súa única vontade: “habitar este lugar desde onde escribo”.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. Na actualidade conta con máis de 780 entradas, das cales as máis recentes son as de Francisco Miguel, Fidel Isla Couto, Faustino Rey Romero, Baldomero Isorna Casal, Roberto Vidal Bolaño ou María Luisa Iglesias Losada. As biografías do Álbum están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.