A xornada, coordinada por Francisco Prado-Vilar, achegará importantes novidades sobre os estudos actuais vencellados a elementos patrimoniais da catedral de Santiago. Dunha banda a través do estudo de manuscritos medievais esenciais para a cultura galega, como o Códice Calixtino, o Tombo A, a Crónica troiana ou os códices musicais recentemente redescubertos, desde perspectivas innovadoras que integran a historia da arte, a musicoloxía, as ciencias da conservación e as tecnoloxías dixitais. Comeza Rocío Sánchez Ameijeiras, catedrática de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela que baixo o título “Os dous corpos do rei: tombos e tumbas na catedral de Santiago” achegará imaxes inéditas sobre o Panteón Real da catedral e ofrecerá unha análise inovadora sobre o contexto histórico a iconografía e a conexións cos grandes panteóns de toda Europa. De seguido, Rosa María Rodríguez Porto, investigadora Ramón y Cajal da USC, achegaráse á historia de Troia na Galicia medieval. Outra investigadora Ramón y Cajal, Lucía Pereira Pardo, do Incipit (CSIC), fará unha análise de materiais pictóricos para investigar a produción e conservación de manuscritos iluminados, mentres que Jorge Jiméndez López, profesor do Departamento de Historia da Arte da Universidad de Zaragoza, abordará a «textura do tempo» nos códices miniados abordando fragmentos, desprazamentos e invencións.
O coordinador, Francisco Prado-Vilar, tamén participa como relator para achegar un avance da reconstrución do coro do Mestre Mateo, que fora desmontado en 1605. As novas investigacións sobre o seu deseño e programa iconográfico revelan que se trata dun monumento esencial, no só para a historia da música, ao documentar as técnicas creativas que contribuíron ao desenvolvemento da polifonía, senón para a cultura galega e universal. Por vez primeira poderá verse unha reconstrución integral do interior do coro, cos seus 36 sitiais pétreos, ricamente esculpidos e policromados, así como elementos que completan a súa escenografía litúrxica e sensorial: sistemas de iluminación, colgaduras téxtiles e libros manuscritos. Esta presentación constitúe un avance inédito da reconstrución tridimensional completa, tanto do interior como do exterior do coro, que se dará a coñecer nos vindeiros meses no marco do proxecto KosmoTech_1200.
Pecha a sesión cunha conferencia e clase práctica a cargo do recoñecido musicologo Isaac Alonso de Molina, do Real Conservatorio da Haia, que leva por título “Memoria, mano musical, manuscritos: la revolución pedagógica del canto llano (1050-1250)” e que falará da man guidoniana e ensinará a cantar usando as mans como fixeran no século XII os cantores do coro do mestre Mateo.
Seíam’eu en San Simón
En 2019, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez e o daquel entón alcalde de Redondela, Javier Bas, asinaron un acordo que buscaba establecer unha colaboración estable entre estas dúas entidades. Concretouse na celebración dun evento, titulado “Seíam’eu…en San Simón” que aproveita a ambivalencia dese espazo tan singular para organizar actividades que teñan vínculo tanto coa época medieval como con actividades relacionadas coa memoria histórica,en recoñecemento do seu pasado como lazareto.
Arrincou ese mesmo ano 2019 cun programa titulado “A cultura medieval á luz das novas tecnoloxías”, no que recoñecidos expertos en arte, música, patrimonio e literatura medieval analizaron as posibilidades de difusión e de investigación que ofrece a tecnoloxía sobre esta época. En 2020 suspendeuse a edición por mor da pandemia e en 2021 volveuse sobre a cultura medieval aproveitando o 800 anos do nacemento do Rei Sabio e o programa rastrexou a influencia do monarca na música galega. A temática medieval regresou en 2023 cunha xornada que aproveitou a figura de Martín Códax para profundar na música medieval. Con respecto á memoria histórica, en 2022 falouse de Intervencións dos exilios da Guerra Civil nunha xornada titulada “Legados desde a dislocación” e en 2024 analizou a xestión dos lugares da represión franquista.



