----

Ponte de Lima acolle o VII ciclo de cinema “Mulleres, Patrimonios, Sociedade”

Este venres, 3 de setembro, arrinca en Ponte de Lima (Portugal) unha nova edición do ciclo de cinema “Mulleres, Patrimonios, Sociedade”, promovido pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade do Minho. A proxección da longametraxe documental O corno, coa presenza da súa directora, Jaione Camborda, abre este programa que achega, desde unha ollada feminina, a importancia do cinema como ferramenta de transmisión do patrimonio cultural. As sesións son de entrada libre ata completar a capacidade.

O teatro Diogo Bernardes acolle esta edición que este ano conta cun obradoiro Eu, na minha cidade, coa realizadora Tânia Dinis, no que participan alumnados de cuarto ano de primaria, para reflectir sobre as diferencias que nos unen, a diversidade, a empatía e a democracia. Inaugura as proxeccións O Corno (2024), de Jaione Camborda, quen estará presente no ciclo e manterá un diálogo co público asistente. Esta longametraxe ambientada en 1971 na illa da Arousa segue a María, unha muller que combina o traballo de mariscadora coa práctica de asistir no parto doutras mulleres. Tras un acontecemento inesperado, vese obrigada a fuxir e emprender unha viaxe cara á liberdade cruzando rutas de contrabando entre Galicia e Portugal, nun relato intenso de identidade, sororidade e resistencia feminina.

No sábado terá lugar a sesión de curtametraxes na que se poderán ver Tão pequeninas, tinham o ar de serem já crescidas de Tânia Dinis, un filme híbrido entre ficción e documental que parte de imaxes de arquivo e testemuños orais de mulleres das rexións de Trás-os-Montes, Beira, Alto e Baixo Minho que entre os anos 40 e 70 marcharon para a cidade do Porto a traballar como “criadas de servir”. O filme reconstrúe as vivencias destas mulleres a partir das súas propias voces, recuperando memoria dun pasado invisibilizado. Tamén se proxectará Correo vento, de Paula Fuentes e Guillermo Cabrera, que narra a historia dunha neta que regresa á aldea do seu avó, onde a memoria se mestura con soños, explorando as fragilidades da conexión entre xeracións e lugares. Outra das pezas será Kora, de Claudia Verjao, e ademais Deolinda, de Alicia López Méndez —ambas obras creadas por mulleres e inseridas nesta xornada para reivindicar unha voz feminina no cine contemporáneo. Na sesión de curtametraxes participarán todas as creadoras e se propiciará un diálogo co público sobre os procesos de xestación das obras, as eleccións narrativas e os vínculos entre memoria, identidade e territorio.
O programa está coordinado por un equipo integrado por Teresa Nieto Freire e Paula Ballesteros, do Consello da Cultura Galega; Rebeca Blanco-Rotea, investigadora do Lab2PT/IN2PAST da Universidade do Minho e tamén membro do Consello da Cultura Galega; Ana Estévez, do Museo do Pobo Galego e do Consello da Cultura Galega; Noemí Basanta, do Instituto da Fonsagrada; Alexandra Esteves, do Lab2PT/IN2PAST da Universidade do Minho; e a realizadora de cinema Sara Traba. A iniciativa é o resultado da colaboración institucional entre o Consello da Cultura Galega; a Universidade do Minho a través da Vice-Reitoria da Cultura e Sociedade; o Centro de Estudos Galegos (CEG);o Camões – Instituto da Cooperação e da Língua; a Universidade Federal de Salvador de Bahia; e, nesta edición, coa Câmara Municipal de Ponte de Lima. Este evento coincide coas Comemoracións dos 900 anos do Foral de Ponte de Lima 1125-2025.

O ciclo
O ciclo “Mulleres, Patrimonios, Sociedade” pretende abordar a través dos diferentes formatos audiovisuais como as mulleres non son recoñecidas ou mesmo foron invisibilizadas nos procesos de creación e de recreación do patrimonio cultural; ao tempo que valorizar ben o papel que xogaron nestes procesos. Ademais, tamén pretende ser un espazo para promover o intercambio cultural entre Galicia e os territorios da lusofonía.
Esta proposta arrincou en Braga en maio de 2018, cun programa centrado no cinema galego e a fronteira; un ano máis tarde tivo lugar a segunda edición. Desta volta foi en Vigo e estaba focalizado na situación da muller e a relación coa sociedade. Arcos de Valdevez (Portugal) acolleu a terceira en outubro de 2021 cun programa que pretendía amosar o papel das mulleres nas crises, o patrimonio como instrumento de cohesión social e o contexto da solidariedade e a fraternidade. A cuarta edición foi en Verín en 2022 centrada no mundo da morte, mentres que a quinta tivo lugar en Guimarães, en novembro de 2023, e abordaba as paisaxes femininas. A sexta edición tivo lugar en Tui e achegaba producións que especial atención á memoria histórica, as revolucións e os procesos de transición conmemorando o 50 aniversario da Revolução dos Cravos en Portugal.