----

A vulnerabilidade das mulleres analízase nunha xornada coa Valedora do Pobo

O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Valedora do Pobo organizan o vindeiro martes (7 de outubro, 10:00 horas) a xornada “Mulleres e vulnerabilidade social”. Unha cita que pretende poñer o foco nas múltiples formas de discriminación que lles afectan ás mulleres cando o xénero se cruza con outros factores como a raza, a clase social, a orientación sexual ou a discapacidade. Está aberta a inscrición desta cita presencial que tamén se pode seguir en directo desde o web corporativo e a canle de YouTube do CCG.

A xornada, que se centra no marco da colaboración anual que desenvolve o Consello da Cultura Galega e a Valedora do pobo, pretende ofrecer un espazo de encontro no que lle dar voz ás mulleres que viven esas discriminacións múltiples. Así visibilízanse as desigualdades e compréndense os mecanismos que as manteñen e pódese avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva. No folleto de presentación da xornada, destácase que as mulleres migrantes sofren con frecuencia precariedade laboral, segregación ocupacional e dificultades para acceder á vivenda, á saúde ou á regularización administrativa. As mulleres xitanas, ademais dos estereotipos de xénero, enfrontan o antixitanismo, que condiciona o acceso á educación, ao emprego e á participación social. Pola súa parte, as mulleres con discapacidade deben superar barreiras físicas e comunicativas, agravadas por actitudes capacitistas que limitan a súa autonomía e as expoñen a un maior risco de violencia.

Programa
O encontro estrutúrase en tres mesas redondas. A primeira estará dedicada ás mulleres migrantes e contará coa moderación de Carme Adán, directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega. Participarán Zinthia Álvarez Palomino, xornalista, escritora e investigadora social, impulsora do proxecto “Mujeres negras que cambiaron el mundo”; e Gabriela L. Frias Goytia, psicóloga especializada en migracións e coordinadora do Centro de Estudios sobre la Migración, la Discriminación, y el Racismo Institucional, así como da Plataforma Homologantes Bolivianxs en España.

A segunda mesa centrarase nas mulleres xitanas. Estará moderada por Alice Iriondo, bolseira da Valedora do Pobo, e contará coa intervención de Zaida Jiménez Jiménez, técnica de igualdade da Fundación Secretariado Gitano en Vigo.

Finalmente, a terceira mesa abordará a realidade das mulleres con discapacidade. Estará moderada por María Méndez, presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia, e contará coa participación de Carolina Hervés González, bolseira da Valedora do Pobo e técnica en Educación Infantil; Laura Ramallo Sánchez, técnica en Xestión Administrativa e antiga bolseira da Valedora do Pobo; e Rocío Sánchez Botana, mestra especialista en Educación Infantil e en Audición e Linguaxe, tamén antiga bolseira da Valedora do Pobo.

O convenio coa Valedora do Pobo
Esta cita insírese no marco dun convenio de colaboración asinado entre o Consello da Cultura Galega e a Valedora do Pobo en 2020, e que ten como fin a realización de actividades conxuntas de promoción dos dereitos e valores culturais do pobo galego. Desde entón prestaron atención á diversidade cultural do pobo xitano con dúas xornadas (en 2020 e 2021), á situación das mulleres rurais (en 2021) e tamén ás novas formas de violencia de xénero (en 2021). En 2022 desenvolveron en Carballiño un debate no que se analizou o idadismo, un modo de discriminación por mor da idade, e en Xinzo, abordaron o nesgo de xénero na medicina. En 2023 abordaron a discriminación por gordofobia e a violencia estética.