----

Especialistas achegan novas lecturas sobre construción da identidade cultural e política de Galicia a través dos códices medievais

“Quen pintou o Tombo A miraba para o Pórtico da Gloria; quen facía o pórtico sabía das miniaturas dese códice e ollaba para o panteón… na catedral de Santiago estaba todo interconectado porque hai unha trama visual, material, mental e textual sobre a que se asentaron algúns mitos” apunta Rocío Ameijeiras, investigadora da Universidade de Santiago a través do estudo do Tombo A e do panteón real da Catedral. Xunto con ela, investigadores que empregan novas tecnoloxías na análise do patrimonio ofreceron en San Simón os últimos achados arredor dun período no que se configura a identidade cultural e política de Galicia. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, inaugurou esta cita coordinada por Francisco Prado Vilar, que tamén avanzou as últimas imaxes da reconstrución do coro pétreo do mestre Mateo.

A sesión arrincou coa intervención de Rocío Ameijeiras que presentou o seu estudo sobre a representación dos reis de Galicia e León no Tombo A e nas tumbas do Panteón Real da Catedral de Santiago de Compostela, destacando que se “inventou un novo mito que imbricaba á monarquía co apóstolo Santiago que lle interesou a todos, reforzaba o poder real e supuña unha vía de ingresos para a catedral que recadou moitos cartos e cos que se pagaron, entre moitas outras cousas, o propio Pórtico”. Ameijeiras sinalou que o Tombo A constitúe un dos mellores manuscritos de luxo da época, con pan de ouro, lapislázuli e vitela, e que as tumbas reais debían contextualizarse no debate europeo sobre a escultura funeraria medieval. Destacou tamén a complexidade da posta en escena visual, material e textual destes mitos, na que se relacionaban as miniaturas, o pórtico, o coro e a iconografía rexia, equiparando aos reis con figuras bíblicas como David e Salomón. O estudo evidenciou como a monarquía de Galicia e León aproveitou estas representacións para construír unha identidade propia, mostrar o seu refinamento cultural e reforzar a súa autoridade política, nun proceso no que arte, literatura e política estaban profundamente interconectadas.

Após a súa intervención, a investigadora Rosa María Rodríguez Porto destacou o interese que a lenda de Troia espertaba no reino de Galicia durante a baixa Idade Media. “Era un tempo no que as narracións clásicas servían como espello simbólico dos conflitos políticos e sociais do momento” apuntou. Estes textos, lidos en voz alta nas cortes como parte do lecer e da formación aristocrática, convertíanse en ferramentas para o debate moral e político, ao tempo que reforzaban a educación cabaleiresca tanto de homes como de mulleres. Rodríguez Porto analizou os tres manuscritos fundamentais que transmiten a historia da guerra de Troia en linguas peninsulares —castelán, galego e unha versión bilingüe— e que estaban ligados ás liñaxes nobiliarias galegas, en particular á familia Andrade. “Estes códices, producidos e apropiados en contextos distintos revelaban a complexa circulación cultural entre Galicia, Castela e Portugal e amosaban como a nobreza galega utilizaba a tradición clásica para exhibir refinamento, lexitimar o seu papel político e crear unha memoria cabaleiresca propia” engadiu.

Lucía Pereira Pardo (Incipit-CSIC, Santiago) ofreceu os achados que permiten novas técnicas de investigación non invasivas que analizan as pinturas. Durante a súa intervención, explicou como a análise dos materiais pictóricos permite reconstruír o contexto de elaboración dos manuscritos medievais. “Podemos saber cantas persoas participaron, que pasos se seguiron no proceso de elaboracion e mesmo atribuír a súa autoría a diferentes mestres e os pagamento realizados” apuntou. A metodoloxía multidisciplinar que expuxo revelou como as testemuñas materiais contribúen a comprender a produción e a conservación dos manuscritos, enriquecendo a interpretación histórica e artística destes importantes documentos medievais. Completou a investigación sobre os materiais dos códices o profesor Jorge Jiménez López, da Universidad de Zaragoza, quen destacou que os manuscritos medievais acumulan múltiples capas de significado ao longo dos séculos, revelando como a súa recepción, lectura e interpretación varía segundo os contextos históricos. “A través da análise da composición das páxinas, dos folios e dos motivos iconográficos podemos ver que os códices son obxectos vivos, capaces de reinventarse e dialogar co presente desde a súa materialidade e a súa historia” apuntou.
Pola tarde, Francisco Prado Vilar achegou un avance da reconstrución do coro do Mestre Mateo (desmontado da Catedral en 1605). As novas investigacións sobre o seu deseño e programa iconográfico revelan que se trata dun monumento esencial, no só para a historia da música, ao documentar as técnicas creativas que contribuíron ao desenvolvemento da polifonía, senón para a cultura galega e universal. Por vez primeira poderá verse unha reconstrución integral do interior do coro, cos seus 36 sitiais pétreos, ricamente esculpidos e policromados, así como elementos que completan a súa escenografía litúrxica e sensorial: sistemas de iluminación, colgaduras téxtiles e libros manuscritos. Esta presentación constitúe un avance inédito da reconstrución tridimensional completa, tanto do interior como do exterior do coro, que se dará a coñecer nos vindeiros meses no marco do proxecto KosmoTech_1200.

Pechou a sesión Isaac Alonso de Molina cunha conferencia na que falou da man guidoniana e ofreceu unha clase práctica na que ensinou a cantar usando as mans como fixeran no século XII os cantores do coro do mestre Mateo.