NOTICIA

----

Mulleres alertan que a discriminación se multiplica cando o xénero se cruza con etnia, orixe ou discapacidade

Mulleres migrantes, discapacitadas e xitanas explicaron esta mañá no Consello da Cultura Galega (CCG)algunhas situacións de discriminación que sofren. O seu testemuño formaba parte da xornada “Mulleres e vulnerabilidade social” que organizaron o CCG e a Valedora do Pobo. Elena Vázquez Cendón, secretaria do CCG, apuntou na inauguración da sesión a importancia deste tipo de foros. Pola súa banda, a valedora, Dolores Fernández Galiño, lembrou que “as mulleres, que son a metade da poboación, estiveron discriminadas ao longo da historia” e incidiu que “se se lle engaden variables como discapacidade, etnia ou orixe van estar aínda en peor disposición”. A sesión foi gravada e pódese ver desde a canle de YouTube da institución.

A xornada afondou así no concepto de interseccionalidade, que analiza como diferentes factores —como o xénero, a orixe, a clase social, a discapacidade ou a etnia— se combinan e multiplican entre si, xerando formas específicas e máis complexas de discriminación. Este enfoque permitiu comprender mellor como as mulleres que pertencen a colectivos diversos sofren desigualdades múltiples que non poden entenderse de maneira illada.

Abriu a sesión Zinthia Álvarez Palomino, xornalista, escritora, investigadora social e impulsora do proxecto Mujeres negras que cambiaron el mundo, quen explicou o estudo que está a desenvolver e que examinaba o impacto das mulleres migrantes que traballan no ámbito do fogar e dos coidados en España, tanto con status administrativo regular como irregular. “Tras décadas de traballo precario e negación de dereitos, moitas delas chegaban ao final da súa vida laboral sen acceso a pensións contributivas nin a sistemas de asistencia que lles garantisen un apoio digno”, apuntou. Ao mesmo tempo, a investigación afondaba no uso dos corpos das mulleres migrantes como ferramentas de traballo dentro dun sistema capitalista neoliberal e excluínte, e analizaba como este modelo producía unha subxectivización do traballo de coidados, na que as emocións, os afectos e mesmo a identidade persoal eran tratadas como mercadorías. Na sesión das mulleres migrantes tamén participou a psicóloga Gabriela L. Frias, coordinadora do Centro de Estudos sobre la Migración, la Discriminación y el Racismo Institucional e da Plataforma Homologantes Bolivianas en España.

Na mesa sobre mulleres xitanas, Zaida Jiménez, técnica de igualdade da Fundación Secretariado Gitano en Vigo, explicou que “todas as mulleres temos unha mochila chea de pedras pero a das mulleres xitanas aínda é maior”. Detallou que as mulleres xitanas teñen máis dificultades para acceder a situacións normais para outras persoas, como pode ser un contrato de alugueiro dunha vivenda. Mesmo explicou que “cando vas ao supermercado somos seguidas e vixiadas e prodúcese unha situación de indefensión”.

Pechou a sesión unha mesa sobre discapacidade na que participaron Carolina Hervés González, bolseira da Valedora do Pobo e técnica en Educación Infantil; Laura Ramallo Sánchez, técnica en Xestión Administrativa e antiga bolseira da Valedora do Pobo; e Rocío Sánchez Botana, mestra especialista en Educación Infantil e en Audición e Linguaxe.