NOTICIA

----

Pecha en Antas de Ulla o foro “Acceso á cultura en Galicia 2025”

O Consello da Cultura Galega (CCG) pecha este xoves (9 de outubro, 10:00 horas) na casa da cultura de Antas de Ulla o foro “Acceso á cultura en Galicia 2025”, unha iniciativa promovida pola súa Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais que analiza o exercicio real dos dereitos culturais da cidadanía galega. A xornada servirá para presentar os primeiros resultados das recollidas territoriais desenvolvidas no marco deste foro durante a pasada primavera, ademais de xuntar representantes do Ministerio de Cultura e da Xunta de Galicia, que exporán as principais liñas dos novos marcos lexislativos e programáticos nesta materia. A xornada non se emite en directo pero será gravada e incorporase ao web institucional.

A cita enmárcase nun contexto no que a cultura comeza a ocupar o lugar que lle corresponde entre os dereitos humanos fundamentais, recoñecidos tanto na Declaración Universal dos Dereitos Humanos como na Constitución española. Con este encontro péchase un proceso de análise que percorreu as catro provincias galegas co obxectivo de avaliar se as políticas culturais actuais garantizan o acceso, a participación e a igualdade efectiva da cidadanía na vida cultural, prestando especial atención aos eixes do territorio, a comunicación e a interseccionalidade das desigualdades.

Na xornada de Antas de Ulla daranse a coñecer os resultados deste proceso coa participación das persoas coordinadoras Encarna Lago, Alberto de Boiro, Roberto Pascual e Marián Fernández, acompañadas de representantes do sector cultural e da cidadanía como Ángeles Miguélez, Natalia Balseiro, Braulio Vilariño e Ana G. Liste. Ademais, intervirán María Amado Tena, da Dirección Xeral de Dereitos Culturais do Ministerio de Cultura, e Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, que presentarán as principais liñas da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia e do Plan de dereitos culturais do Ministerio. O encontro completarase cunha mesa redonda, moderada por Ana G. Liste, baixo o título “Cúmprense os dereitos culturais da cidadanía?”, na que participarán representantes do Ministerio de Cultura, da Xunta e das deputacións da Coruña, Lugo, Pontevedra e Ourense.

O proceso de traballo
O foro “Acceso á cultura en Galicia 2025” comezou o pasado 26 de marzo no Pazo de Goiáns (Boiro), cunha primeira xornada dedicada á participación cidadá en cultura, coordinada por Alberto García e mediada por Branca Albán, Natalia Balseiro e Encarna Lago. Alí déronse a coñecer seis proxectos participativos —Castelo Conta, Feirón Mariñeiro de Rianxo, Contos do Mar, Festival Internacional de Outono de Carballo (FIOT), Escora Danza e Pasabodeghas— que exemplifican distintas formas de implicación cidadá na creación e difusión cultural.

A segunda xornada, coordinada por Roberto Pascual, celebrouse na Casa Vella de Allariz e centrouse nas experiencias culturais das comarcas do interior de Galicia, especialmente afectadas polo despoboamento, o abandono do rural, os problemas medioambientais e o empobrecemento do territorio. A terceira sesión, que tivo lugar o 21 de maio en Soutomaior, abordou a comunicación dos proxectos culturais a través das experiencias de oito iniciativas da provincia de Pontevedra. O ciclo completouse no Museo Pazo de Tor cunha xornada centrada no acceso á cultura desde a perspectiva da interseccionalidade das desigualdades, que puxo de relevo como factores como o xénero, a orixe, a clase social, a diversidade funcional ou o territorio condicionan o exercicio efectivo dos dereitos culturais.