----

O foro “Acceso á cultura en Galicia” chama a construír unha cultura inclusiva e accesible

A Casa de Cultura de Antas de Ulla acolleu este xoves a xornada final do foro “Acceso á cultura en Galicia” que organiza a Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG). Un proceso no que participaron representantes do terceiro sector, profesionais da cultura, cidadanía e responsables políticos. Entre as conclusións desta iniciativa salientouse o papel esencial dos profesionais da cultura como axentes de cambio, a necesidade de mellorar a comunicación institucional —simplificando a linguaxe burocrática e eliminando barreiras simbólicas—, e a urxencia de incorporar á cidadanía e aos colectivos vulnerables na toma de decisións lexislativas e programáticas. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García, inauguraron este encontro que foi gravado e se poderá recuperar desde o web institucional.

A coordinadora do foro, Paula Cabaleiro, destacou que se empregase unha metodoloxía, baseada na horizontalidade e na participación activa, foi “un formato que rompe cos esquemas convencionais e que permitiu incorporar voces novas, especialmente do terceiro sector e do tecido asociativo”. O proceso de recollida de datos, que se desenvolveu durante a primavera, contou coa participaron de 362 persoas de diferentes ámbitos e permitiu coñecer de preto as percepcións, dificultades e propostas arredor do acceso á cultura en Galicia.

A xornada final
A sesión arrincou coa participación das coordinadoras de cada unha das catro xornadas de recollida en que se artellaba o foro: Encarna Lago, Alberto de Boiro, Roberto Pascual e Marián Fernández, acompañadas de representantes do sector cultural e da cidadanía como Ángeles Miguélez, Natalia Balseiro, Braulio Vilariño e Ana G. Liste. Ademais, ao debate final incorporáronse as deputadas delegadas de cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro, e da Deputación da Coruña, Natividade González. Pola súa banda, Encarna Lago, destacou a necesidade de traballar, lexislar e executar políticas culturais máis apegadas á realidade cotiá da xente, recoñecendo que o acceso á cultura segue a estar condicionado por barreiras sociais, económicas, territoriais e simbólicas. Subliñou que “é imprescindible concienciar ás institucións de que existen colectivos para os que non só é difícil participar, senón que nin sequera contan co acceso máis básico aos bens e servizos culturais”.

Unha das ideas que se achegaron foi a necesidade de formación das e dos profesionais da cultura, que debe incorporar non só competencias técnicas, senón tamén unha aprendizaxe baseada na empatía, na escoita e na perspectiva interseccional. Como se sinalou na xornada, “formarse na empatía non é un exercicio buenista nin caritativo, senón unha postura política a prol da xustiza social”. A cultura, engadiu, debe ser un espazo de refuxio, encontro e integración, capaz de ofrecer seguridade e de sementar futuro, especialmente en tempos de incerteza e desigualdade.
Ademais, as persoas participantes coincidiron en que o descoñecemento dos dereitos culturais é xeralizado, tanto entre a cidadanía como entre os propios profesionais do sector. Isto pon de manifesto a urxencia de promover accións formativas que permitan comprender e exercer eses dereitos, e que contribúan a construír unha cultura “de verdade inclusiva e acolledora”.

A visión interseccional das desigualdades —que ten en conta factores como o territorio, o xénero, a orientación sexual, a idade, a discapacidade ou a orixe— foi outro dos eixos fundamentais dos que se falou no encontro. Tamén se reivindicou a importancia de escoitar “desde abaixo”, dando voz directa ás persoas e colectivos que viven esas desigualdades na súa vida diaria.

Na sesión tamén estivo representada a administración con María Amado Tena, da Dirección Xeral de Dereitos Culturais do Ministerio de Cultura, e Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, que presentaron as principais liñas da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia e do Plan de dereitos culturais do Ministerio.

O proceso
O foro “Acceso á cultura en Galicia 2025” desenvolveuse entre marzo e maio a través de catro xornadas territoriais que permitiron abordar o dereito á cultura desde distintas perspectivas. O proceso comezou no Pazo de Goiáns (Boiro), cun encontro dedicado á participación cidadá e á presentación de proxectos que exemplifican a implicación comunitaria na creación cultural. Continuou na Casa Vella de Allariz, centrado nas experiencias das comarcas do interior e nos retos do rural; seguiu en Soutomaior, cunha sesión dedicada á comunicación cultural e á visibilidade dos proxectos locais; e concluíu no Museo Pazo de Tor, onde se analizou o acceso á cultura desde unha mirada interseccional, poñendo o foco nas desigualdades derivadas do xénero, da orixe, da clase social, da diversidade funcional e do territorio