As danzas brancas, tamén coñecidas como danzas gremiais, reciben o seu nome das pezas de roupa branca (camisas, cirolas, enaguas) que os danzantes levan baixo a vestimenta tradicional. Con orixes probábeis nas antigas confrarías e asociacións gremiais da Idade Media, estas danzas de carácter ritual forman parte dos “usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos” recoñecidos pola Lei do patrimonio cultural de Galicia como bens do patrimonio inmaterial.
Ao longo de Galicia existen numerosas manifestacións destas danzas, algunhas desaparecidas e outras conservadas ou recuperadas con esforzo polas comunidades locais. Como se recolle no Manifesto de constitución da Asociación Galega das Danzas Brancas ou Gremiais, este patrimonio “aínda pervive grazas á querencia e amor pola súa cultura de moitas colectividades parroquiais que se esforzan en representalas unha vez ó ano, o día da festa”. O caso de Mondariz é un exemplo destacado desa continuidade, grazas a grupos como o Rancho de Reis de Riofrío e as danzas de Mouriscados, que manteñen viva esta expresión identitaria.
A xornada abrirase cunha intervención do musicólogo Luís Costa Vázquez, da Universidade de Vigo, quen ofrecerá unha panorámica xeral sobre a historia, estrutura e simbolismo das danzas brancas. A súa achega permitirá comprender a evolución destas danzas ao longo dos séculos e a súa relación coa música tradicional, cos ciclos festivos e coa identidade colectiva das comunidades.
A continuación, a musicóloga e intérprete musical Carme López Fernández, da Universidade de Santiago de Compostela, centrará a súa intervención na transmisión das danzas gremiais, poñendo o foco nos procesos de aprendizaxe interxeracional, no papel da memoria oral e na función das mulleres como depositarias e transmisoras deste coñecemento cultural.
Seguiralle o fotógrafo Eutropio Rodríguez, coñecido polo seu traballo de documentación visual sobre os danzantes de Riofrío, quen falará sobre a importancia da imaxe como ferramenta para conservar e divulgar o patrimonio inmaterial, e sobre o seu papel na construción da memoria visual das comunidades rurais.
A parte central da xornada será unha mesa de debate moderada por Paula Ballesteros Arias, que reunirá representantes das danzas de Riofrío e Mouriscados (Mondariz), Guláns (Ponteareas), Redondela, Marín, Xuvencos (Boborás) e Cervela (O Incio). Este espazo permitirá coñecer de primeira man as experiencias das agrupacións que manteñen viva esta tradición, reflexionar sobre os desafíos actuais —como a continuidade xeracional ou o recoñecemento institucional— e compartir propostas para garantir a súa preservación futura.
O encontro rematará cunha actuación musical do Rancho de Reis de Riofrío, que ofrecerá ao público unha mostra viva desta tradición danzada, convertendo o peche da xornada nunha celebración colectiva da cultura popular galega.
A actividade, organizada polo CCG en colaboración co Concello de Mondariz, insírese nunha liña de traballo da institución que analiza a situación do patrimonio cultural inmaterial. Nesta ocasión analízase a orixe, tipoloxía, función social e valor cultural destas danzas, ademais de reflexionar sobre os procesos de transmisión e preservación que garanten a súa continuidade.



