O xornal España Libre foi creado pola comunidade de orixe española residente nos Estados Unidos, nun contexto marcado polo final da Guerra Civil e o exilio republicano. A súa edición naceu como voceiro das Sociedades Hispanas Confederadas de los Estados Unidos, organización fundada o 25 de xullo de 1936 baixo o nome de Comité Antifascista Español, co obxectivo de apoiar a causa republicana e de coordinar a solidariedade coa poboación afectada pola guerra.
Durante as décadas seguintes, a entidade dedicouse á axuda aos refuxiados, á divulgación política e cultural e ao enlace entre os exiliados e a comunidade española xa establecida nos Estados Unidos. O xornal España Libre, continuación do boletín Frente Popular, converteuse no seu principal instrumento de comunicación e expresión colectiva.
De marcado carácter político e republicano, España Libre destacou polo seu compromiso antifascista e obreirista, con influencias anarquistas e socialistas. Nas súas páxinas recolléronse noticias e reflexións sobre a situación en España, a política internacional e a realidade das comunidades hispanas en América. O xornal funcionou tamén como un foro de debate ideolóxico entre os distintos grupos políticos do exilio nos Estados Unidos.
Entre os seus colaboradores destacan importantes intelectuais e xornalistas do exilio republicano, como Álvaro de Albornoz (sección España adentro), Félix Martí Ibáñez (Cuadernos de bitácora), J. Prado Rodríguez (Espejo de las horas), Sebastián Palmer, Luis Araquistaín, Aurelio Pego, Vicente Sáenz ou Indalecio Prieto, entre outros.
A dixitalización e difusión desta colección supón un avance fundamental na preservación e posta en valor da memoria do exilio español e galego en América, facilitando o acceso a un testemuño de grande valor histórico, político e cultural



