----

Especialistas urxen cambiar o modelo de xestión forestal cara a unha paisaxe máis diversa e planificada

A vaga de incendios forestais deste verán e o recente anuncio da ampliación da moratoria sobre as plantacións de eucalipto marcaron o contexto no que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou a xornada “Expansión e homoxeneización do espazo forestal: receita para un desastre?”, coordinada polo enxeñeiro de montes e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Eduardo Corbelle. O encontro reuniu expertos de distintos ámbitos —ecoloxía, ordenación territorial, economía rural e políticas europeas de prevención— que ofreceron medidas e ferramentas propostas desde os ámbitos científicos nos que traballan que coinciden na necesidade dun cambio de modelo na xestión do monte, cunha maior ordenación e planificación do territorio. Aldeas modelo, polígonos agroforestais, recuperación de zonas agrarias... son algunhas das medidas que se puxeron sobre a mesa. A secretaria do CCG, Elena Vázquez Cendón, e o coordinador da mesa inauguraron a sesión que quedou gravada e se pode consultar desde a canle de YouTube.

O biólogo Adrián Regos, da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), presentou un estudo sobre a Reserva da Biosfera Gerês-Xurés, no que se analiza a evolución da paisaxe e da biodiversidade tras décadas de abandono rural e repetidos incendios. Regos advertiu que “a substitución das terras agrarias por matogueiras e masas forestais continuas está a favorecer incendios máis virulentos e frecuentes”, e defendeu a necesidade de crear mosaicos agroforestais que combinen zonas agrícolas, pastos e masas forestais autóctonas. Os modelos desenvolvidos polo seu equipo amosan que a recuperación das zonas agrarias e a xestión activa do territorio “non só reducen o risco de incendios, senón que tamén melloran a biodiversidade e a rendibilidade económica do rural se se teñen en conta os servizos ecosistémicos, como o secuestro de carbono ou a protección do solo”.

O biólogo Adrián Regos, da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), presentou un estudo sobre a Reserva da Biosfera Gerês-Xurés, no que se analiza a evolución da paisaxe e da biodiversidade tras décadas de abandono rural e repetidos incendios. Regos advertiu que “a substitución das terras agrarias por matogueiras e masas forestais continuas está a favorecer incendios máis virulentos e frecuentes”, e defendeu a necesidade de crear mosaicos agroforestais que combinen zonas agrícolas, pastos e masas forestais autóctonas. Os modelos desenvolvidos polo seu equipo amosan que a recuperación das zonas agrarias e a xestión activa do territorio “non só reducen o risco de incendios, senón que tamén melloran a biodiversidade e a rendibilidade económica do rural se se teñen en conta os servizos ecosistémicos, como o secuestro de carbono ou a protección do solo”.
Desde unha perspectiva europea, o catedrático Urbano Fra Paleo, asesor da Oficina das Nacións Unidas para a Redución do Risco de Desastres e membro do grupo E-STAG, presentou o informe das Academias Europeas de Ciencias sobre incendios e resiliencia da paisaxe. O documento propón un cambio de paradigma nas políticas forestais, apostando por “pasar da cultura da extinción á cultura da prevención”. Urbano Fra insistiu na necesidade dunha visión integrada da paisaxe, que combine medidas proactivas, a restauración de ecosistemas e o recoñecemento do papel ecolóxico e cultural do lume. Tamén apelou a “alfabetizar socialmente” sobre os incendios e a implicar ás comunidades locais e aos propietarios. O informe contén oito medidas que teñen un enfoque sistémico (cómpre adoptar solucións baseadas na natureza, aceptar o papel ecolóxico e cultural do lume, que as prácticas culturais, crear unha conciencia dos incendios) e tamén espacial (investir na xestión da paisaxe, harmonizar as políticas sectoriais...). O documento, que foi presentado na Comisión Europea e no Parlamento Europeo, “non pretende ser un manual de políticas públicas, pero si un menú ao que se poden recorrer os diferentes gobernos para avanzar nesta perspectiva” apuntou Urbano. Tamén chama á colaboración entre países e proporciona exemplos concretos de como se van implantando con éxito medidas propostas desde os ámbitos científicos. Entre elas, o proxecto MOSAICO que presentou Fernando Pulido Díaz, da Universidade de Estremadura. É o resultado dunha iniciativa de xestión participativa posta en marcha en 2015 tras un gran incendio no norte de Estremadura. Naquel momento, o goberno confiou á universidade estremeña a posta en marcha dun proxecto que, dez anos despois están resultado un acerto polo número de hectáreas recuperadas, a reactivación de usos agropecuarios e mesmo contención do despoboamento dalgunhas zonas rurais. A experiencia demostra que a prevención pode ser produtiva, combinando actividades gandeiras, forestais e agrícolas que reducen o combustible vexetal e xeran rendemento económico. “O proxecto Mosaico amosa que cando a comunidade participa activamente, os incendios redúcense e o territorio faise máis seguro e vivo”, destacou Pulido, quen subliñou que se trata dun modelo perfectamente replicable en Galicia. “A paisaxe é diferente pero as causas dos incendios e os modos de combatelos, a xestión do territorio e a ordenación do mesmo son perfectamente aplicables” apuntou. Na súa opinión a vontade colectiva e a cooperación institucional son claves para o éxito de implatanción de calquera medida.

A profesora Inés Santé Riveira, da Universidade de Santiago de Compostela, lembrou na súa intervención o informe da comisión parlamentaria sobre a vaga de lumes de 2017, do que xurdiron recomendacións que deron lugar á Lei 11/2021 de Recuperación da Terra Agraria de Galicia. Centrouse nos instrumentos de ordenación dos usos agroforestais e na súa relevancia para un desenvolvemento rural sostible, insistindo en que “non pode haber planificación forestal sen planificación agraria”. Reclamou a posta en marcha efectiva do Catálogo de Solos Agropecuarios e Forestais e o impulso de ferramentas como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as actuacións de xestión conxunta, que demostraron ser eficaces para mobilizar terras abandonadas, recuperar a produción agraria e reducir o risco de incendios. Santé advertiu tamén da urxencia de regular as plantacións de eucalipto, pois, malia a moratoria vixente, a súa superficie segue medrando, e apelou a definir con claridade a delimitación entre solo forestal e agrario, incrementando a superficie agraria útil (SAU). Defendeu, finalmente, unha planificación integrada que combine criterios agrarios, forestais, ambientais e sociais para avanzar cara a unha paisaxe multifuncional e resiliente.

A xornada concluíu cunha mesa ronda, na que os expertos participantes incidiron na necesidade de cambiar o modelo de xestión forestal cara a unha paisaxe máis diversa, planificada e resiliente, que combine a produción económica co equilibrio ambiental e social..