NOTICIA

----

Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou unha sesión plenaria no serán deste xoves na que acordou a concesión das súas medallas á filóloga estadounidense Kathleen March e ao edafólogo Francisco Díaz-Fierros, en recoñecemento á súa contribución nas actividades da institución. Ademais, aprobou as liñas xerais de programación de actividades para 2026 en que prestará atención aos medios de comunicación en galego, en conmemoración do 150 aniversario de O Tío Marcos d´a Portela, a primeira publicación de carácter xornalístico redactada integramente en lingua galega. Ademais da celebración do tradicional Concerto das Letras Galegas e do programa didáctico musical No bico un cantar, tamén organizará actividades arredor da figura de Begoña Caamaño, próxima homenaxeada no Día das Letras Galegas. As transferencias culturais derivadas dos procesos migratorios e o reforzo en acción exterior serán outras das liñas de acción prioritarias.
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega

O plenario acordou recoñecer o traballo de Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros na promoción da lingua e cultura galega coa súa máxima distinción. As Medallas do Consello da Cultura Galega foron creadas en 2018 para recoñecer a relevancia e significación de persoas físicas que sobresaen de xeito especial nos servizos prestados ao Consello da Cultura Galega ou á cultura galega en xeral. Este recoñecemento pretende situar a importancia da diplomacia cultural e da acción exterior para o futuro da cultura galega, así como o importante peso da diáspora na conformación da imaxe da Galicia contemporánea. A entrega das medallas terá lugar nun acto presencial que se desenvolverá no primeiro trimestre de 2026.

Os anteriores homenaxeados foron Luis García Montero e Helena González en 2022; e Pablo Figueroa Dorrego, Ana Paula Laborinho e, a título póstumo, Francisco Lores Mascato, en 2018.

Os homenaxeados
Francisco Díaz-Fierros (Vilagarcía de Arousa, 1941) é doutor en Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela. Catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola nesta universidade, participou activamente na investigación sobre solos galegos, climatoloxía agraria, interacción solo-auga e o efecto dos incendios forestais. Ademais da súa actividade científica, Díaz-Fierros defendeu unha visión humanística da ciencia, realizou ensaios e traballos sobre a relación entre a ciencia, a cultura e o galego. Foi un dos membros fundadores do CCG onde tivo diferentes cargos de responsabilidade. Impulsou a creación da Sección de Ciencia e contribuíu a manter unha liña de traballo continuada que prestou atención á cultura científica e a promover publicacións científicas en galego.

Kathleen Nora March (Rochester, Nova York, 1949) é unha filóloga e investigadora estadounidense especializada en estudos hispánicos, latinoamericanos e portugueses, con especial dedicación á literatura galega. Doutorouse en Filoloxía Hispánica e foi profesora de Español na University of Maine, onde tamén dirixiu o Centro de Estudos Galegos. Boa parte da súa carreira estivo orientada á tradución, difusión e análise crítica da literatura galega, nomeadamente da obra de Rosalía de Castro, co que contribuíu de forma notable á proxección internacional da literatura galega. En 1985 fundou a Galician Studies Association, xénese da actual Asociación Internacional de Estudos Galegos, creada co obxectivo de promover a investigación no eido das letras galegas desde a academia norteamericana e despois ampliada ao ámbito internacional. No CCG foi a impulsora e coordinadora científica do proxecto Seara, un espazo web que ofrece en galego e en inglés unha escolma que percorre a historia da literatura galega.

Avance de programación para 2026
O Consello da Cultura Galega celebrará en 2026 o 150 aniversario da aparición do xornal O Tío Marcos d´a Portela que abrirá unha liña de traballo que prestará atención aos medios de comunicación en galego. Na programación figuran accións vencelladas á defensa da lingua, da cultura e dos dereitos sociais en consonancia coa figura homenaxeada co Día das Letras Galegas, Begoña Caamaño. Haberá novas edicións do Concerto das Letras Galegas e de do programa didáctico musical No bico un cantar que en 2026 se celebrará en Vilalba. Outra das liñas prioritarias para o vindeiro ano será a atención as transferencias culturais derivadas dos procesos migratorios e o reforzo en acción exterior, así como a análise dos modelos de transmisión memorial ademais numerosas accións vencelladas ao estudo e divulgación do patrimonio natural e de paisaxe.

Balance do trimestre
O plenario tamén deu conta do balance do terceiro trimestre do ano. Entre o 14 de xullo e o 23 de outubro realizáronse 24 actividades, das que 5 foron cesión de espazos a outras entidades. Neste período elaboráronse 6 informes, entre os que destaca O gasto en cultura na Administración local en Galicia e Un país coa súa lingua. Foro participativo que contén 96 medidas de carácter propositivo para recuperar o vigor do galego. A programación estivo marcada pola variedade nos formatos das actividades (xornadas, propostas escénicas, concertos e mesas de debate). Este trimestre tamén deixou iniciativas destacadas como “Diplomacia e cultura”, sesión que xuntou por primeira vez na institución ao corpo consultar acreditado en Galicia onde se salientou a importancia da diplomacia cultural e da necesidade de crear un espazo de comunicación e de coñecemento mutuo entre a lingua e a cultura galega, e as linguas e culturas dos países cos que mantén vínculos históricos ou presentes. No apartado expositivo, realizáronse sete itinerancias de catro das exposicións que mantén activas a institución.