----

Unha xornada lembra a ollada comprometida da Anna Turbau

“A propósito de Anna” é o título da xornada coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) homenaxea á fotoxornalista catalá Anna Turbau este luns (27 de outubro, 16:15 horas). Margarita Ledo coordina esa sesión que achega a mirada crítica e comprometida de Turbau e a súa influencia nas xeracións posteriores. A sesión é presencial pero pode seguirse en directo a través do web e das redes sociais da institución.

Anna Turbau (Barcelona, 1949 - 2025) foi unha fotoxornalista pioneira en construír unha imaxe diferente das clases sociais galegas durante a década de 1970, incorporando ás súas fotografías unha dimensión afectiva e humanista que ampliou o rexistro documental da época. Chegou a Galicia en 1975, como primeira fotógrafa free-lance disposta a facer da imaxe un instrumento de coñecemento e de empatía co real. Procedente do ámbito da gráfica, desenvolve un traballo marcado polo rigor compositivo, a variación constante e a implicación co mundo que retrata. Esa mesma ética da mirada, que converte a cámara nun acto de amor e compromiso, está tamén presente na súa decisión de ceder o seu arquivo ao CCG para a súa conservación e difusión.

A xornada busca celebrar a relación entre o real, quen o fotografa e quen o mira, en continuidade coa exposición Anna Turbau. Galicia 1975–1979. A intimidade da imaxe (2017), comisariada por Margarita Ledo Andión, e co libro Anna Turbau. Galicia 1975–1979, coordinado por Natalia Poncela.

O programa
A xornada “A propósito de Anna” estrutúrase arredor de dous eixos principais que buscan pensar a práctica fotográfica de Anna Turbau dende distintas perspectivas. O primeiro, baixo o título Xeración: desobedecer as regras, reúne a escritora e investigadora en fotografía Margarita Ledo Andión, o fotoxornalista Pepe Baeza, o arquitecto César Portela e a profesora de Historia da USC Ana Cabana. Neste diálogo reflexionarase sobre a mirada rebelde e crítica de Turbau, a súa capacidade para captar o cambio social e político da Galicia dos anos setenta e a súa concepción da fotografía como un acto de compromiso e de testemuño vital.

O segundo bloque, Variacións: vivir noutras olladas, contará coas intervencións do fotógrafo Adra Pallón, da directora da galería Nordés Chus Villar, de María Planas da fundación Photographic Social Vision e da fotógrafa Ana Tomé. A partir das súas experiencias e traxectorias, abordarase a vixencia da obra de Turbau na contemporaneidade, a súa influencia sobre novas xeracións de creadoras e creadores e o xeito en que a súa mirada afectiva e rigorosa continúa inspirando modos de entender a imaxe como encontro, empatía e construción colectiva da memoria visual.