----

O contexto e o legado de Fernando Calvet centra unha xornada

“Fernando Calvet i Prats: Pioneiro da biotecnoloxía en Galicia” é o título da xornada coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) se achega este martes (16:15 horas) ao contexto no que viviu este científico ao que lle dedica este ano o Día da Ciencia en Galicia. A cita serve tamén para ver a súa influencia e a situación actual do sector biotecnolóxico no noso país. A xoranda, coordinada por Elena Vázquez Cendón e Pedro Merino, conta coa presenza de figuras destacadas como Jose Manuel López Vilariño, presidente do Clúster Tecnolóxico e Empresarial das Ciencias da Vida (BIOGA), que abordará a situación actual e os retos de futuro do sector biotecnolóxico galego. A sesión é presencial pero pode seguirse en directo desde o web e canle de YouTube do CCG.

A xornada insírese no marco das actividades que o CCG organiza ao fío do recoñecemento de Fernando Calvet científico do ano en 2025 por parte da Real Academia Galega de Ciencias. Ademais da publicación conxunta que repasa a traxectoria vital e profesional esta sesión pretende afondar na relevancia do seu legado.

A sesión comeza cunha reflexión sobre o contexto histórico nunha mesa redonda moderada por Manuel Puga. Nela, o historiador e divulgador Ricardo Gurriarán, autor de numerosas obras sobre a universidade e a ciencia en Galicia, abrirá a sesión coa intervención “Fernando Calvet: de Oxford a Zeltia pasando por Compostela”, un percorrido pola traxectoria vital e científica de Calvet, desde a súa formación internacional ata o seu papel na modernización da investigación galega. A continuación, Xosé Luís Pastoriza, investigador e profesor, presentará “Fernando Calvet nas praias da liberdade. A resistencia do galeguismo en Vigo até mediados dos anos 40”, onde explorará a faceta máis humana e comprometida do científico no contexto político e social da posguerra. O economista e historiador Xoán Carmona Badía, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, pechará esta primeira mesa co relatorio “Químicos e industria química na Galicia do século XX”, analizando o desenvolvemento industrial e o papel de Calvet na conexión entre investigación e empresa.

A segunda mesa, coordinada por Francisco Díaz-Fierros, está pensada para achegarse ao seu legado desde unha perspectiva actual. Participa o investigador e divulgador Manuel Freire Rama, antigo colaborador de Calvet e profundo coñecedor da súa obra, ofrecerá a comunicación “Fernando Calvet i Prats. Un pioneiro da bioquímica e un promotor da biotecnoloxía en Galicia”, revisando o legado do científico e o seu papel na formación das primeiras xeracións de bioquímicos galegos. Seguiralle Beatriz Díaz Lorenzo, directora de comunicación do grupo biofarmacéutico Zendal, quen presentará “O grupo biofarmacéutico Zendal”, centrada na evolución e internacionalización desta empresa galega como herdeira do espírito innovador que Calvet contribuíu a sementar. A sesión pechará coa intervención de José Manuel López Vilariño, presidente do Clúster Tecnolóxico e Empresarial das Ciencias da Vida (BIOGA), que abordará a situación actual e os retos de futuro do sector biotecnolóxico galego, destacando a influencia das primeiras iniciativas impulsadas por figuras como Calvet.

Fernando Calvet no Álbum de Galicia
Fernando Calvet Prats foi un dos principais artífices da modernización da Universidade de Santiago de Compostela no primeiro terzo do século XX. A súa biografía está no Álbum de Galicia, colección de biografías do CCG. A entrada, escrita por Ricardo Gurriarán destaca que foi un científico formado en Barcelona e Oxford, que chegou a Compostela en 1929, onde obtivo a cátedra con tan só 26 anos. Dotado dun espírito aberto e innovador, introduciu novos métodos docentes, achegándose ao alumnado e promovendo unha relación máis humana e participativa entre profesor e estudante. Fomentou a vida universitaria máis aló das aulas mediante actividades culturais, deportivas e sociais —como os “tés do Compostela” ou o rugby—, e impulsou o asociacionismo estudantil. Ademais, destacou polo seu compromiso co galeguismo e coa idea dunha universidade autónoma e representativa da identidade nacional galega, sendo partícipe de movementos como Galeuzca e das iniciativas arredor do Estatuto de Autonomía.

A súa traxectoria científica foi igualmente brillante: formouse en laboratorios de prestixio internacional, traballou con premios Nobel como Wieland e Von Euler e creou unha escola investigadora propia en Compostela, impulsando a participación feminina e a formación de novos cadros docentes. Porén, o seu compromiso social e ideolóxico custoulle caro: tras o golpe de Estado de 1936 foi represaliado e apartado da universidade durante oito anos, sufrindo prisión e exilio. Aínda así, continuou a súa labor investigadora en Vigo e, posteriormente, en Salamanca, Oviedo e Barcelona. Calvet representa a xeración de científicos e docentes que apostaron por unha universidade moderna, democrática e europea, e que foron duramente castigados pola ditadura por seren os verdadeiros motores da renovación intelectual e científica de Galicia.