A xornada conmemora máis de trinta anos de cooperación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal, iniciada o 31 de outubro de 1991 coa sinatura do Protocolo Constitutivo da Comunidade de Traballo Galicia–Norte de Portugal no Porto. Ademais, preséntase como unha oportunidade para visibilizar o papel da cultura como reforzo da cooperación ademais de fortalecer a identidade e o desenvolvemento das rexións fronteirizas.
O evento subliña a importancia da cultura como ponte de entendemento e de desenvolvemento compartido. Comezará cunha conferencia a cargo de Ramón Villares, historiador e expresidente do CCG. De seguido, terá lugar unha mesa de debate sobre as Casas de escritores da Eurorrexión. Ademais, farase entrega do Premio Literario Nortear 2024/25, que recoñece novos talentos da escritura na Eurorrexión e que nesta edición recaeu en Manuel Villa Iglesias e Diana Teixeira. A xornada pechará cunha actuación da artista emerxente Sara Gimeno.



