Carme Adán achegou as principais cifras da xornada. Apuntou que a “A violencia económica é a terceira manifestación máis común da violencia machista”, e advertiu que as mulleres con discapacidade e as mulleres migrantes son dobremente vulnerábeis. Esta forma de violencia pode presentarse en relacións matrimoniais e tamén despois delas, e debería considerarse —apuntou— unha forma de violencia vicaria, xa que afecta o benestar e a supervivencia económica das mulleres e dos seus fillos e fillas.
Denunciou que “a lexislación vixente presenta lagoas, como o artigo 227 do Código Penal relativo ao impago de alimentos”. Nese sentido lembrou que a Lei galega de 2007 define a violencia económica como a “privación intencionada e non xustificada legalmente de recursos para o benestar físico ou psicolóxico da muller e das súas fillas e fillos”, mais Adán salientou a necesidade de recoñecela de maneira efectiva nos procedementos xudiciais.
Adán recordou que a prevención pasa por facilitar a inserción laboral das mulleres vítimas, promover programas específicos de concienciación e combater a normalización desta violencia, especialmente entre as máis novas, “a través dos modelos de felicidade e realización persoal ligados ao fogar”.
Sobre as lagoas do sistema afondou pola mañá o maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Fernando Lousada, pioneiro en incorporar o principio de igualdade como mandato de interpretación xurídica. Na súa intervención insistiu en que “sen independencia económica non hai igualdade real”. Na súa intervención explicou tres conceptos clave —violencia económica, discriminación retributiva e desigualdades e feridas— e advertiu das lagoas lexislativas existentes, especialmente en relación coa violencia económica, dixital e vicaria. Tamén puxo en valor o escaso recoñecemento xurídico dos coidados, un ámbito que afecta directamente á igualdade efectiva entre mulleres e homes.
Trala súa exposición, o catedrático da Universidade da Coruña, Xosé Manuel Carril, centrou a súa intervención en exemplos concretos de desigualdade económica, especialmente no cómputo das pensións e cotizacións á Seguridade Social. Pola súa parte, Emma Rodríguez, profesora da Universidade de Vigo, afondou nos tipos de discriminación laboral non recollidos na lexislación vixente, poñendo o foco na necesidade de actualizar o marco normativo para garantir unha protección integral.
A inspectora de traballo Mónica González Otero subliñou a importancia de “vertebrar traballo e cultura”, ao considerar que “o traballo é unha forma de cultura que nos proxecta na sociedade e nos sitúa nela”. Na súa intervención, afondou na definición do traballo, no funcionamento do mercado laboral e nos traballos de coidado. Citou tamén un informe do Banco de España que analiza 550.000 carreiras profesionais entre 1990 e 2010, no que se conclúe que “os ingresos laborais dos homes aumentan un 0,15 % dous anos despois da paternidade, mentres que nas mulleres se reducen un 20 %; dez anos despois, os ingresos dos homes mantéñense estables, pero nas mulleres a caída acada outro 28 %”. “Hai moitos outros datos —apuntou González Otero—, pero este resulta especialmente significativo”.
Xa pola tarde, na mesa dos axentes sociais interviñeron Margarida Corral Sánchez (CIG), Rebeca Pérez Pico (CCOO), Ana M. Pereiro Mourelo (UGT) e José Antonio Neira (CEG) que coincidiron en sinalar a fenda salarial e a negociación colectiva como dous dos principais espazos nos que se manifesta a violencia económica estrutural contra as mulleres.






