----

O oitava edición do ciclo "Dramaturxias Itinerantes" recunca en Vigo e Porto

O Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia, a Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo (ESMAE) de Porto, o Camões-Centro Cultural Português de Vigo máis o Centro de Cultura Politécnico do Porto, presentan a oitava edición de "Dramaturxias Itinerantes". Un ciclo que pon en diálogo a dramaturxia contemporánea de autoría feminina en Galicia e Portugal. Esta edición, que terá lugar este luns 10 de novembro (16:00 horas) no Centro de Cultura Politécnico do Porto e martes 11 na ESAD de Vigo (17:00 horas), contará coa participación das dramaturgas Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman (que conforman a compañía A Panadaría) e a portuguesa Inês Filipe, que presentarán as obras As que limpan e A morte da sereia, respectivamente. Ambas representacións contarán cun coloquio posterior coas autoras.

Nesta edición, as obras seleccionadas son opostas en canto a estilo pero teñen en común que abordan a opresión á que se ve sometida a vontade das mulleres, condicionada por relacións que as asfixian e as enferman, tanto no ámbito persoal como no profesional. As relacións de poder no traballo e na familia conforman esta realidade. Nos dous textos trátase a acción dramática desde o compromiso feminista tentando facer visible o que queda velado e, en segundo plano, no traballo e nas relacións persoais e familiares. Esa aposta feminista, política e de xustiza chega a interpelar o público para que revise os seus puntos de vista sobre xénero, poder e tradición.

As que limpan de A Panadaría relata a loita dunhas camareiras de hoteis por un traballo digno, desde o humor e utilizando ao público como un personaxe máis. A morte da sereia, de Inês Filipe, revisa a peza de Ibsen A dama do mar, recreada por Susan Sontang, mergullándose nun mundo simbólico e delicado, mais tamén utilizando o metateatro para achegarnos aos conflitos arredor do xénero, da familia e do que o poder nos di que é correcto.
Como en edicións anteriores, unha vez rematadas as lecturas dramatizadas terá lugar unha conversa moderada por Vanesa Sotelo, xefa de estudos, dramaturga e profesora da especialidade de Dramaturxia na ESAD de Galicia. Esta edición remata coa publicación dixital que contén os textos seleccionados.

"Dramaturxias Itinerantes"
"Dramaturxias Itinerantes" ten como obxectivo dar visibilidade á creación teatral feminina de ambos os lados da raia, favorecendo o intercambio e a colaboración entre profesionais e estudantes das artes escénicas de Galicia e Portugal. Esta iniciativa, que se iniciou en 2019, permítelle ao público achegarse á escrita dramática a través de lecturas dramatizadas e de conversas con autoras convidadas. Ademais, promove a difusión destas obras mediante a súa publicación en liña, facilitando o acceso á dramaturxia contemporánea de Galicia e Portugal. O ciclo, que procura ser un referente de encontro e promoción da dramaturxia feminina, convida á reflexión e ao coñecemento da creación teatral contemporánea, destacando o papel da palabra escénica como vehículo de transformación e de intercambio cultural. En edicións anteriores participaron pola banda galega Iria Pinheiro, Paula Carballeira, Laura Porto, Clara Gayo, Ester F. Carrodeguas, Ana Carreira, Patricia Portela e Avelina Pérez; mentres que pola banda portugesa, Luisa Pinto, Sofía Santos Silva, Cecilia Ferreira, Rita Pinheiro, Cláudia Lucas Chéu e Joana Craveiro.