----

Unha xornada reflexiona sobre a vixencia e desafíos do Centro Dramático Galego

“Centro Dramático Galego, vixencia e contribución da institución ao futuro da creación escénica galega” é o título da xornada coa que a Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega (CCG) revisa este martes (10:00 horas) a situación desta unidade de produción teatral pública. É tamén a primeira cita dun ciclo que afondará no papel das institucións culturais galegas actuais. Dolores Vilavedra, vicepresidenta do CCG, xunto con Cristina Domínguez, coordinadora da sección e tamén da xornada xunto con Eduardo Alonso e Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes, inauguran esta sesión que se pode seguir en directo no web e na canle de YouTube da institución.

Eduardo Alonso, Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes, Cristina Domínguez Dapena coordinan esta cita que ten un obxectivo dobre. Dunha banda, analizar a traxectoria do Centro Dramático Galego, creado en 1984. Na sesión búscase analizar a súa evolución en relación coa creación e a produción escénica. Da outra, repensar os retos que afronta o CDG de cara ao futuro.

O programa
A primeira mesa de debate, titulada CDG: 40 anos de impacto na creación escénica en Galicia, abordará a evolución da institución ao longo das últimas décadas, facendo balance da súa contribución á creación e produción escénicas e da súa relación coas novas tendencias do teatro galego. Este espazo servirá tamén para reflexionar sobre a función do CDG como organismo público ao servizo da creación artística e sobre o seu impacto no desenvolvemento da escena galega. Na mesa participarán Eduardo Alonso, Manuel Guede e Cristina Domínguez, todos eles exdirectores da institución, nun diálogo moderado pola actriz Melania Cruz. A continuación terá lugar unha conversa entre o director actual do CDG, Francisco Núñez, e o xestor cultural e investigador Carlos-Caetano Biscainho.

A segunda mesa chámase “O CDG no futuro do teatro galego ante os retos do século XXI” e centrará o foco nos desafíos que afronta a institución nun contexto de transformación social, cultural e tecnolóxica. Arantza Villar, en representación da AAAG; o crítico teatral Manuel Xestoso; a dramaturga e profesora Vanesa Sotelo; e a programadora cultural Nieves Lema, con moderación a cargo de Carlos-Caetano Biscainho, analizarán como evolucionou o público, que novas demandas xorden no sector escénico e cal pode ser o impacto da actividade do CDG no territorio e no traballo das e dos profesionais das artes escénicas.

Pola tarde celebrarase a terceira mesa baixo o título “Precisa o CDG un cambio de modelo? Unha visión para a súa autonomía e independencia, na que se expoñerán experiencias doutras institucións e se debaterá sobre a conveniencia de repensar o modelo organizativo do CDG. O obxectivo é explorar a posibilidade de avanzar cara a unha estrutura máis autónoma e independente respecto da AGADIC, que permita reforzar a capacidade de xestión, creación e apoio ao sector escénico en Galicia. Nela particpa Carme Portacelli, directora do Teatre Nacional de Catalunya; Fefa Noia, produtora e exdirectora do CDG, actualmente directora adxunta do Centro Dramático Nacional; e Darach Ó Tuairisg, exdirector de An Taibhdhearc Na Gaillimhe, en Galway, que é o teatro público en lingua gaélica, xunto cun represenantes da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude.

O ciclo
Esta xornada abre un ciclo de tres sesións que afondan no papel das entidades institucionais galegas que están directamente relacionadas coa creación escénica, musical e audiovisual. “Tras catro décadas desde a creación das primeiras, con vistas a revisar e actualizar os seus obxectivos, estrutura e funcionamento, nomeadamente en relación coas creadoras e coa sociedade galega” apunta o programa da actividade.
Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais.

Esta actividade está organizada pola Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do CCG. Coordinada por Cristina Domínguez Dapena, e composta por Eduardo Alonso Rodríguez, Natalia Balseiro, Montserrat Capelán, Carlos Caetano Biscaínho Fernández, Beli Martínez, Ramon Pinheiro Almuinha e José Manuel Sande García.