María Salvado
A nova entrega do Álbum de Galicia achega a biografía dunha muller cun carácter especial. Antón Lopo defínea, entre moitas outras calidades, como “lectora profunda e fascinada polo cine, intuitiva empírica, audaz na estética, compañeira na exploración de escritores e artistas, viaxeira incansable ou mecenas en proxectos de fraternidade”. Nel destaca situacións singulares, como que “chegou a estar retida en Paquistán nunha das súas grandes viaxes ao estar acusada de espionaxe” ou que “foi a primeira mestra en retirar o retrato de Franco e o crucifixo dunha aula pública, orixinando un grande conflito”.
A entrada explica que estudou Maxisterio e Psicoloxía, dúas áreas que condicionaron a súa traxectoria vital. Formou parte da primeira promoción de licenciados da Facultade de Pedagoxía e “propuxo unha escola ao servizo das clases con menos recursos, participativa, coa razón como eixo fronte á submisión e á obediencia”. Influída polas propostas de Jean Piaget, María Montessori e Rosa Sensat, entre outros, propiciou unha educación conectada co feminismo e coa ecoloxía, principios que ela “puxo por diante sempre, ao par da demanda dos dereitos sociais”, apunta a entrada. Fundou en 1983 Nova Escola Galega para construír un sistema educativo galego, público e democrático. Tamén participou na creación da Unión de Traballadores do Ensino Galego (UTEG) e posteriormente no Sindicato Galego de Traballadores do Ensino (SGTE). “A súa aposta pola autonomía do alumnado como fonte de coñecemento e o compromiso coas persoas menos favorecidas déronlle luz propia na descomposición orgánica do franquismo”, apunta Lopo na entrada. Ademais, tamén engade que “formou parte dos equipos psicopedagóxicos de apoio, que cambiaron de maneira irreversible a atención á diversidade nos centros de ensino".
Tivo un papel importante no ámbito cultural. Antón Lopo destaca que “desempeñou un labor esencial como mentora de diferentes xeracións de poetas”. Actuou de ponte entre Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda con Galicia durante os anos que viviron en Cuba. En 2015 participou na fundación do proxecto Chan da Pólvora na Illa de Ons e na creación da Horta das Chas, en Compostela, espazo de eco-poesía e sede da editorial, onde repousan as súas cinzas.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. Na actualidade conta con máis de 780 entradas, das cales as máis recentes son as de Fran Cortegoso, Francisco Miguel, Fidel Isla Couto, Faustino Rey Romero, Baldomero Isorna Casal, Roberto Vidal Bolaño ou María Luisa Iglesias Losada. As biografías do Álbum están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.



