Estas publicacións chegan coincidindo co centenario da primeira edición de Flores de Sombra, aparecida en 1925 na Arxentina. Trátase do único libro integramente poético de Federico Mediante Noceda, unha obra marcada polo lirismo modernista e por unha sensibilidade que retrata a melancolía urbana, os espazos periféricos de Bos Aires, a vida do gauchaxe, o romanticismo idealista e un profundo sentido de solidariedade social. A edición conmemorativa preparada por EOditorial recupera o texto orixinal e incorpora notas críticas, fotografías e materiais inéditos procedentes do arquivo familiar.
Pola súa banda, A orillas del Pilcomayo, publicada inicialmente en 1937 e concibida en Ribadeo, representa o inicio do ciclo de novelas de aventuras do autor. A obra sitúase en paisaxes sudamericanas e combina elementos de relato de viaxes, descrición de fronteiras e encontros humanos, sempre atravesados polo vínculo transatlántico que caracterizou a vida de Mediante Noceda. A nova edición restitúe o texto íntegro e inclúe unha presentación crítica que contextualiza a novela no seu momento histórico e literario.
Sobre Federico Mediante, o Salgari español
Federico Mediante Noceda, falecido en 1951, foi un escritor inquieto e un xornalista extraordinariamente prolífico. Foi unha persoa adiantada ao seu tempo: en 1902, cando apenas sumaba os catorce anos de idade, viaxou dende a súa Asturias natal ata América, lugar dende o que regresou para participar na guerra que España libraba en África. Tras o remate da campaña, permaneceu durante un breve período de tempo no seu lugar de orixe antes de marchar cara á Arxentina. Alí, traballou como actor de circo e deu os primeiros pasos na escritura de obras de teatro. Tamén fundou varios xornais e revistas nas provincias arxentinas de Corrientes, Santa Fe e Mercedes, e exerceu como actor na compañía Greco-Beroldo. Grazas a Arturo Greco, director desta empresa teatral, Federico Mediante coñeceu o actor e dramaturgo Alberto Vaccarezza, quen o tentou para participar nunha película. Ambos compartiron a ideoloxía, a loita sindical e a reivindicación de que os traballadores da arte debían organizarse para reclamar os seus dereitos.
Federico Mediante deixou como legado as máis de 270 obras que escribiu ao longo da súa traxectoria. Entre elas, destacan as novelas curtas de aventuras e policiais, coas que gañou o alcume de Salgari español. Foi “o explicador, o cazador de tigres, o vendedor de entradas de cine, o viaxeiro, o escritor” segundo figura na biografía elaborada pola súa neta, Ana Martínez e presentada no CCG en novembro de 2023.




