A xornada pretende reflectir os distintos valores das pontes históricas e a súa relación co territorio, tanto o valor material das pontes (desde a orixe histórica, a forma de construílo, os materiais empregados...) como o valor inmaterial, social e simbólico. A sesión comeza cunha intervención de Xosé M. Sánchez Sánchez, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, que baixo o título "As pontes medievais de Galicia. Dos ogros aos pontádegos" que presta atención tanto ás lendas como aos valores inmateriais e simbólicos relacionados con este tipo de construcións. De seguido, Cristina Vázquez Neira, do Museo de Melide, abordará o tema en clave local, ao centrarse nas pontes históricas da zona.
O enxeñeiro de Camiños, Canais e Porto, Manuel Durán Fuentes ofrecerá un relatorio titulado "A filosofía da enxeñaría de protección das pontes históricas", no que atenderá aos criterios e aos procedementos para achegarse á protección, conservación e posta en valor das pontes. Pecha a arqueóloga, María del Mar López Cordeiro, falando da aplicación da metodoloxía arqueolóxica na análise e restauración das pontes históricas
Colaboración co Museo Terra de Melide
Esta xornada forma parte do ciclo A unha voz na metade do Reino, que botou a andar en 2020 coa colaboración do Museo da Terra de Melide e o apoio do Concello de Melide. A iniciativa xurdiu do propio museo da vila melidense, que propuxo realizar unhas xornadas para fomentar e divulgar diversos aspectos culturais, históricos, artísticos e patrimoniais enmarcados na Baixa Idade Media e nos inicios da Idade Moderna, de interese para toda Galicia e nos que Melide, na súa centralidade, tivese certo protagonismo.
O ciclo toma o seu nome da publicación A unha voz na metade do Reino. Cincocentos anos da Xunta de Melide, que se presentou en 2021, un ano despois de conmemorar o quinto centenario da asemblea de cabaleiros prelados do Reino de Galicia reunidos en Melide para facerlle chegar unha serie de peticións ao monarca Carlos I en nome dos señores galegos.
Desde entón, en 2022 abordarónse os cruceiros góticos; en 2023 as vilas cercadas da Idade Media; mentres que en 2024 prestouse atención á historia dos hospitais e albergarías vinculados aos camiños históricos e de peregrinación en Galicia, promovidos por figuras distinguidas da curia ou da nobreza dende o medievo.



