----

A presidenta asiste en Valencia á celebración do 40 aniversario do Consell Valencià de Cultura

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, participou esta mañá no acto de celebración do 40 aniversario do Consell Valencià de Cultura (CVC) que se celebrou no Auditorio Santiago Grisolía do Museu de les Ciències de València.

No acto conmemorativo interviron o presidente, José María Lozano; o secretario do CVC, Jesús Huguet; o expresidente da Generalitat, Joan Lerma; a reitora da Universitat de València, Mavi Mestre; e o reitor da Universitat Politècnica de València, José E. Capilla. Ademais da actuación ao piano de Raquel del Val, participaron os exmembros da entidade, Enrique García Asensio e Isabel Ríos. Nel reafirmouse o compromiso da institución de achegar respostas culturais útiles e consensuadas á sociedade valenciana.

O Consell Valencià de Cultura (CVC) é a institución estatutaria da Generalitat Valenciana encargada de asesorar os poderes públicos valencianos en materia cultural. As súas funcións principais son promover, defender e difundir a cultura valenciana, velar pola protección do patrimonio cultural, e emitir informes, ditames e recomendacións sobre asuntos culturais de interese xeral. O CVC está composto por persoas de recoñecido prestixio nos ámbitos cultural, científico e artístico, e actúa con independencia no exercicio das súas funcións, ao servizo da sociedade valenciana.