----

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora novos números de El Despertar Gallego

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), pecha este ano coa posta en rede dun novo lote de exemplares do xornal El Despertar Gallego, Órgano oficial de la Federación de Sociedades Gallegas en la República Argentina. Nesta ocasión súbense 46 números que do período comprendido entre 1929 e decembro de 1930 en que a cabeceira cambia de nome.

Neste mes de decembro completamos a colección de El Despertar Gallego, con 46 novos números (o 138 ata o 183) que rematan en decembro de 1930, en que a cabeceira pasa a chamarse Galicia e ten tirada semanal. Precisamente, xa hai no repertorio dixitalizados e publicados números desta cabeceira, que van dos anos 1930 a 1934, e está en preparación a súa continuidade.

Esta publicación societaria, dirixida por Antón Alonso Ríos, inclúe crónicas e noticias das actividades das diferentes sociedades que a conforman; información interna da Federación (informes da xunta executiva, consello federal, asembleas, debates, disensións internas etc.); información local galega e da propia colectividade (na que critica o papel das autoridades consulares); artigos de carácter político, nos que se reflexiona sobre a situación galega e española desde unha perspectiva agrarista (recollendo ou facendo chamamentos á mobilización agraria).

Colaboraron nela, entre outros, Agustín Infante, Lino Pérez, Xesús Calviño Castro, Antón Villar Ponte, Eduardo Blanco Amor, Emilio Pita, Luis Araquistain, Luís Peña, Ramón Otero Pedrayo ou Ramón Villar Ponte. Tamén inclúe traballos de temática variada sobre a instrución, a cooperación, o antiimperialismo, etc. A publicación, igual que a propia federación, evoluciona dende unha perspectiva socialista a ter unha orientación nacionalista, o que provoca numerosas controversias na mesma, que rematarán coa ruptura da Federación.

O Repertorio da prensa da emigración galega
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG. Nas últimas entregas, que se publican o terceiro xoves de cada mes, subíronse cinco números da segunda etapa do Consello de Galiza.