----

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos da sociedade Carballiño y su partido

Un grupo de emigrantes procedentes da comarca ourensá do Carballiño e residentes en Cuba crearon na Habana, en 1922, a sociedade Carballino y su Partido. Varios libros de actas que recollen a memoria desta entidade xa están a disposición da cidadanía no marco do Proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”, que promove o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG).

A sociedade foi rexistrada no Consulado Xeral de España na República de Cuba o 10 de decembro de 1932. Segundo a acta de inscrición no rexistro os seus cometidos foron fomentar e propagar a ensinanza gratuíta no Partido de Carballino, creando e sostendo colexios de ambos sexos nos seus concellos e parroquias, e fomentar a unión entre os fillos de Carballino residentes en Cuba. Destacou pola súa contribución en proxectos comunitarios, favorecendo o desenvolvemento e o alivio das carencias que existían nos seus concellos de orixe. Realizaron importantes achegas para o sostemento de escolas, para a Casa do Pobo, o asilo e moitas outras iniciativas colectivas. Ao mesmo tempo, velaban, como tantas outras asociacións da illa, polos intereses dos seus asociados e asociadas.

A partir de 1959, comezou a notarse unha debilidade organizativa como consecuencia dos grandes cambios que estaba a sufrir a política nacional da illa de Cuba. Moitos dos benefactores saíron do país e o número de socios comezou a descender, ata que as actividades se tornaron cada vez máis simbólicas.

En febreiro de 1966, a entidade fusionouse coa Unión Orensana. Esta última, pola súa banda, xa atravesaba unha etapa de fraqueza organizativa: un mes antes fusionárase coa Sociedad Ribadavia y su Comarca e, finalmente, en 1985, acabou sendo absorbida pola Sociedad Calo y Viudo.

O proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”
O AEG puxo en marcha en 2024 o proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”. A iniciativa promove a divulgación dos fondos documentais que se custodian neste Arquivo do CCG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega. A divulgación desta selección dos fondos é de periodicidade mensual, en cada entrega cólganse na Rede os documentos xerados por estas institucións, nos cales constan libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ou imaxes. A meta desta iniciativa é a de contribuír á súa preservación e facilitar a súa consulta.

Entre os últimos números subiuse documentación das sociedades Liga Santaballesa, Progreso de Lanzós, El valle del oro, do Centro Galego de Lisboa, da sociedades Calo y Biduido, Hijos del Ayuntamiento de Boiro, Casa de Galicia ou Hermandad gallega de Venezuela, entre outros.