NOTICIA

----

Jaume Franquesa participa nos Encontros Temáticos Transversais co Patrimonio Cultural

Jaume Franquesa (Igualdada, 1976), antropólogo recoñecido polo seu traballo no ámbito da enerxía, o medio ambiente e a política rural en Europa, participa este martes (17:00 horas) na terceira sesión do ciclo “Encontros Temáticos Transversais dende o Patrimonio Cultural” que organiza a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG). Nesta ocasión abórdase o impacto da transformación enerxética no sistema local. A xornada continúa o mércores 4 (17:00 horas) co debate a cargo de profesionais que traballan no ámbito galego sobre este asunto. A cita, coordinada por Teresa Nieto, Rebeca Blanco-Rotea e Carlos Amoedo, emítese en directo a través do web do CCG e a súa canle de YouTube.

A xornada “Encontros Temáticos Transversais co Patrimonio Cultural” celébrase en dobre sesión. O martes intervira Jaume Franquesa antropólogo que investiga a relación entre a transición enerxética, a comodificación dos recursos e as formas de vida locais, así como os conflitos e dinámicas sociais derivados das políticas enerxéticas e ambientais. Entre as súas publicación destaca Power Struggles: Dignity, Value, and the Renewable Energy Frontier in Spain, centrado nas loitas sociais e políticas en torno á produción de enerxías renovables en España.

A partir da súa intervención, o mércores 4 de febreiro (17.00 horas) terá lugar o debate con expertos galegos nos que figuran Joám Evans Pim, da Fundación Montescola; Rosa Regueiro Ferreira, economista da Universidade de Santiago de Compostela; Rafael Saco Fernández, do Laboratorio Ecosocial do Barbanza; e Xabier Simón Fernández, economista da Universidade de Vigo e membro do Observatorio Eólico de Galicia, estando a moderación a cargo de Carlos Amoedo Souto.

Os Encontros Temáticos Transversais
En 2025 a Sección de Patrimonio e Bens Culturais puxo en marcha o proxecto Encontros Temáticos Transversais dende o Patrimonio Cultural (ETTPC) para afondar a transformación do territorio. Nas primeira sesión abordouse o tema da paisaxe da man de a arquitecta e investigadora Rebeca Merino del Río, coa réplica de Manuel Mª Chaín Pérez, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventud; o xeógrafo Xosé Constenla Vega da Universidade de Vigo; o antropólogo José Antonio Cortés Vázquez de AGANTRO, Universidade da Coruña, CISPAC e a enxeñeira agrónoma Inés Santé Riveira da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén se analizou a paisaxe co xeografo catalán Joan Nogué iFont, mentres que pola banda galega investiron o xeógrafo Valerià Paül Carril, o biólogo Jaime Fagúndez Díaz, a economista María do Mar Pérez Fra e a comunicadora audiovisual do Instituto de Estudos Ulloáns, Patricia Coucheiro González.