NOTICIA

----

Un roteiro percorre Ourense seguindo a pegada de Valentín Lamas Carvajal

A figura de Valentín Lamas Carvajal (Ourense, 1849-1906) está unida á publicación O Tío Marcos d’a Portela, pioneira dos medios de comunicación en galego. Este sábado 7 de febreiro, día en que se cumpren 150 anos da saída á rúa da histórica cabeceira, Ourense acollerá varios actos de homenaxe. Un roteiro polos lugares destacados na vida de Lamas Carvajal, unha placa conmemativa, un concerto e un xantar popular lembrarán a importancia do seu legado. O Consello da Cultura Galega (CCG) xunto cunha serie de entidades deseñaron o programa que se estenderá ao longo de todo o ano.

Unha comisión integrada polo CCG, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, a Deputación máis o Concello de Ourense, a Asociación de Medios en Galego (AMEGA), La Región, o Liceo de Ourense, a Coral de Ruada, a Fundación ONCE e familiares de Valentín Lamas Carvajal é a encarga de promover unha serie de actos para conmemorar a efeméride. Está coordinada por Afonso Vázquez Monxardín, persoa que guiará o roteiro por Ourense que se desenvolve este sábado. Comezará na entrada do Cemiterio de San Francisco (11:00 horas), para posteriormente visitar o mausoleo de Valentín Lamas Carvajal. O itinerario inclúe máis de vinte espazos directamente vencellados á súa biografía, á súa obra e ao contexto intelectual do seu tempo. O itinerario inclúe lugares fundamentais como a igrexa da Trindade onde foi bautizado en 1849, o Vello Instituto onde se formou con mestres como Saco y Arce —autor da primeira gramática galega— e García Mosquera, así como casas de amigos e referentes culturais. O roteiro permite tamén achegarse aos escenarios urbanos que inspiraron os seus relatos e textos, como a Praza do Correxedor, As Burgas ou a Alameda, espazo literario por excelencia das celebracións poéticas en Ourense.
A ruta presta atención á dimensión xornalística e editorial de Lamas Carvajal, visitando as imprentas e sedes onde se publicou a súa obra e cabeceiras fundamentais como O Tío Marcos d’a Portela, Heraldo Gallego ou La Región. Destacan puntos como a Imprenta de Pazos, precedente do rexurdimento literario galego, a Imprenta Galaica de Colón 16, ou a casa da rúa de Alba 15, residencia vital do autor e centro de redacción e impresión da súa obra desde 1883. O percorrido complétase con espazos de memoria e homenaxe como o Xardín do Posío, un dos lugares preferidos de Lamas Carvajal. Remata ás 13:15 horas no Liceo. Alí a Coral de Ruada fará un pequeno recital de homenaxe antes do xantar, que comezará ás 14:15 horas no mesmo espazo.

O roteiro ten tamén unha versión dixital, que estará dispoñible para a cidadanía desde este sábado no marco do proxecto “Roteiros” do Consello da Cultura Galega. A través do espazo web culturagalega.gal a cidadanía poderá percorrer o itinerario previsto así como unha descrición da súa relevancia.

Inicio dunha celebración
A celebración ábrese este venres cunha xornada deseñada por Amega que realizará unha sesión sobre intelixencia artificial e medios de comunicación e unha foliadade. Están previstas novas accións arredor de dúas datas clave da biografía de Lamas Carvajal: o 4 de setembro, data do seu pasamento, e o 1 de novembro, o seu nacemento. Entre outras actividades, a Real Academia Galega celebrará unha xornada en Ourense centrada na lingua e medios de comunicación que porá o foco na histórica publicación pero tamén na importancia da lingua nos medios de comunicación no contexto actual. A Fundación ONCE, moi implicada na celebración polo feito de que Valentín Lamas Carvajal tivo unha discapacidade visual severa a partir dos vinte anos, dedicará o cupón do 1 de novembro á súa figura e ao seu legado. Ademais, completarase a dixitalización da colección de O Tío Marcos d’a Portela, que estará a disposición de toda a cidadanía a través do portal Galiciana.

Valentín Lamas Carvajal no CCG
A celebración serve tamén para destacar a figura de quen foi poeta narrador, xornalista e figura destacada para a cultura galega. O CCG vén de dispoñibilizar en rede un espazo específico que concentra todos os recursos que ten sobre el. As voces de Otero Pedrayo, Filgueira Valverde, Víctor Freixanes ou Afonso Vázquez Monxardín falando del, imaxes del ou as súas publicacións figuran entre os recursos que se poñen a disposición da cidadanía.
Afonso Vázquez Monxardín é o autor da entrada biográfica publicada no Álbum de Galicia. Nela reivindícase a figura de Lamas e tamén da súa muller, Amalia Rosina, que era a que facía dos ollos e das mans do xornalista, que era invidente. Como xornalista destaca o seu labor en El Heraldo Gallego, en O Tío Marcos d’a Portela e El eco de Ourense. Como poeta Lamas publica en 1875 Espiñas, follas e flores. Primeiro ramiño, obra que ten un inmediato éxito popular, e que leva un prólogo que é un verdadeiro alegación en favor da lingua e a poesía en galego. Salienta del tamén as Dez cartas escritas pr’os gallegos, para animar ao público a asistir á Exposición Rexional organizada pola Sociedade Económica de Amigos do País en Santiago que transmiten un compromiso social e nacional de grande intensidade, que o converten, segundo Monxardín, no “cuarto pé do Rexurdimento”.