NOTICIA

----

Publicadas as colaboración de Begoña Caamaño na revista antimilitarista Ar!

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) vén de poñer en rede nova documentación de Begoña Caamaño (Vigo, 1964-Santiago de Compostela, 2014), figura homenaxeada no Día das Letras Galegas. Nesta ocasión trátase dunha serie de entrevistas e de artigos publicados en Ar!. Revista galega antimilitarista, da que Caamaño formaba parte do seu consello de redacción. Os textos recollidos, publicados entre 1994 e 1997, amosan unha autora fondamente implicada coa denuncia do Servizo Militar Obrigatorio (SMO), coa defensa da insubmisión e coa recuperación da memoria das vítimas da militarización.

As achegas que se incorporan na entrada do Álbum de Galicia relativas a Begoña Caamaño, suman nova documentación que amosan unha escrita xornalística rigorosa e comprometida, centrada nas voces dos protagonistas e na denuncia das estruturas militaristas. A obra de Begoña Caamaño en Ar! Preséntase como unha crónica fundamental do antimilitarismo galego e internacional, onde memoria, denuncia e solidariedade se entrelazan nun relato coherente e profundamente humano.

Os artigos de Begoña
No número 1 da revista, do outono de 1994, Caamaño publica a entrevista «Goldi e Ernesto: Insubmisos presos», onde dá voz a dous obxectores encarcerados pola súa negativa a cumprir o servizo militar. O texto sitúanos no contexto dunha loita que, máis alá do xurídico, é ética e política, subliñando a firmeza ideolóxica dos protagonistas e a dimensión colectiva do movemento.

No número 2, en inverno de 1995, a autora amplía a súa ollada cara ao ámbito internacional co artigo «Arxentina: unha mocidade maioritariamente antimilitarista», no que analiza o posicionamento crítico da xuventude arxentina fronte ás estruturas militares. Nese mesmo número inclúe a entrevista «Hipólito Bargo: Pai dun rapaz morto hai 8 anos cando cumpría Servizo Militar e do que aínda non se recuperou o cadáver», un testemuño especialmente conmovedor que denuncia as consecuencias tráxicas do SMO e a persistencia da dor e da inxustiza.

A dimensión internacional reaparece no número 3, publicado na primavera 1995, onde Caamaño aborda os procesos de abolición do servizo militar en Bélxica —convertida no cuarto estado da UE en suprimilo— e en Honduras, presentando esta última como un paso relevante cara á desmilitarización de Centroamérica. Estes textos combinan análise política e contextualización histórica, inserindo o caso galego e español nunha dinámica global. No verán dese mesmo ano sae o número 4 onde se publica a entrevista «Carme Muíños: ter un fillo insubmiso cambiou-me a vida» ofrece unha perspectiva familiar e emocional da insubmisión, mostrando como o compromiso antimilitarista transforma tamén os vínculos persoais e a conciencia social.

Un ano despois, en primavera-verán, que se corresponde cos números 7 e 8, no artigo titulado «Contra o esquecimento e pola dignidade» insiste na necesidade de preservar a memoria e dignificar ás vítimas, reforzando a idea de que o antimilitarismo é tamén unha loita contra o silencio institucional.

Pecha a súa colaboración no número 10, do inverno de 1997, titulado «Elias Rozas e Ramiro Paz: desertores políticos». Nel presenta a figura da deserción como acto de resistencia consciente, consolidando un discurso que vincula a negativa a servir no exército coa defensa dos dereitos humanos e das liberdades civís.

A revista Ar
Ar! é unha revisa galega antimilitarista que veu a luz en Santiago de Compostela en outono de 1994. O deseño era de Pepe Carreiro e no seu consello de redacción figuran Suso Amado, Vitor Velho, Begoña Caamaño, Duarte Crestar, Quico Lorenzo, Carlos Morais, Francisco Pouso, Mário Roldán e Francisco Souso. No editorial do seu primeiro número establecen as súa liñas ideolóxicas: “Fazer unha publicacion desde o antimilitarismo” que poida “acoller todas as posíveis tendéncias e opinións”. Nel recóllese a intención de crear un espazo “plural e aberto”, que abra un “oco para falar de cultura, recuperar a historia, filosofar, documentar os momentos trascendentais do movimento e aportar unha visión internacional”.