NOTICIA

----

O ciclo “Arte en tempo real” analiza o papel da crítica no sector artístico

“A crítica de arte en Galicia no contexto actual. Novas olladas” é o título da nova sesión do ciclo “Arte en Tempo real" que organiza a Sección de Creación de Artes Visuais do Consello da Cultura Galega (CCG). María Marco, Manuel Padín e Marisol Salanova, voces relevantes do panorama artístico contemporáneo, reflexionan sobre o papel da crítica de arte no ecosistema cultural galego. Paula Cabaleiro e Patricia Verdial coordinan esta sesión que se pode seguir en directo desde o web corporativo e a nosa canle de YouTube.

O encontro busca abrir un espazo de diálogo profesional e xeracional, abordar retos estruturais, analizar novas formas de mediación cultural e fortalecer unha comunidade crítica diversa e activa. A través de tres conferencias e do debate final, preténdese estimular o pensamento, a colaboración e a visibilidade da crítica como ferramenta fundamental para comprender, acompañar e impulsar as prácticas artísticas.

Abre a sesión María Marco, investigadora e ensaísta galega especializada en cultura visual, arte contemporánea e análise institucional. A súa traxectoria combina escrita crítica, produción cultural e mediación; trata, así, aspectos clave da creación contemporánea e os seus contextos. Colaborou en diferentes medios como El Cultural ou a revista Tempos Novos. Creou e dirixiu a revista en liña Plétora.es (2011-2016), especializada en arte emerxente. Actualmente, é xefa da sección de arte en El Cultural. De seguido, Marisol Salanova, crítica de arte, comisaria de exposicións e editora cultural achegará o seu relatorio. Salanova é moi activa nas redes sociais, caracterízase por unha posición crítica explícita e unha atención constante aos contextos políticos e culturais da arte contemporánea.

Pecha a sesión de relatorios Manuel Padín, escritor e investigador especializado en arte contemporánea. Na súa traxectoria destaca ter fundado e coordinado do proxecto Invertebrados de pensamento crítico afincado en Logroño e colabora como crítico de arte en diversos medios e plataformas especializadas.

Ao remate haberá un debate entre os tres relatores co público asistente moderado pola historiadora da arte Mónica Maneiro,

A situación da arte
A arte en tempo real é un ciclo da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas que se achegou, en boca dos seus protagonistas, ao estado actual da arte na nosa comunidade. No outono de 2024 analizouse a complexa situación que viven os artistas e o comisariado, mentres que en neste ano se falou do papel das galerías de arte e da situación das coleccións e museos de arte así como un percorrido polo mundo editorial máis formal, o vinculado a fundacións e institucións así como a autoedición e a autoxestión.

O ciclo insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A sección está coordinada por Paula Cabaleiro Comesaña e ten como membros a Anxela Caramés Sales, Rosendo Cid, Carmen Díaz Cacheda, Silvia García González, Carlos López Bernárdez, Javier Pérez Buján, Luisa Pita, Eduardo Valiña, Patricia Verdial Garay e Manuel Vilariño Seco.