Son moitos os motivos que motivan o desenvolvemento desta xornada interdisciplinar, dado que estamos nun contexto de aumento das temperaturas, eventos meteorolóxicos extremos e transformacións nos sistemas enerxéticos e sociais. A sesión coordinada por Susana Bayo pretende analizar como estes cambios afectan o benestar das persoas e as comunidades.
Catro relatorios interdisciplinares
O programa inclúe un primeiro relatorio sobre a relación entre saúde e meteoroloxía no contexto do cambio climático, a cargo de Beatriz Hervella, xefa de servizo de relacións con organismos europeos da AEMET, con ampla experiencia en cooperación internacional e no desenvolvemento de políticas climáticas e meteorolóxicas a nivel europeo. A continuación intervirá Dominic Royé, investigador Ramón y Cajal na Misión Biolóxica de Galicia e especialista en biometeoroloxía e climatoloxía aplicada á saúde, quen analizará as múltiples facetas dos efectos da calor na saúde humana no marco do cambio climático. Tras unha pausa, continuará o relatorio de Ricardo García Mira, catedrático de Psicoloxía Social da Universidade da Coruña e referente en psicoloxía ambiental e participación social, que abordará o impacto da transición enerxética en Europa desde unha perspectiva social e psicolóxica. Pechará a sesión Cristina Gómez Román, profesora do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, investigadora en procesos psicosociais ligados ao cambio climático, quen afondará na evolución da ecoansiedade cara á acción colectiva e individual fronte aos seus impactos.
A Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade
A organización desta xornada insírese na liña de traballo da Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade, coordinada por Elena Vázquez Cendón. Entre as actividades recentes organizadas por esta sección inclúese unha xornada sobre a homoxeneización do espazo forestal, outras sobre os alimentos “responsables”, é dicir, os que deben formar parte dunha cesta da compra sustentable; así como a elaboración de materiais e recursos didácticos e informes como “A divulgación da ciencia en Galicia”, que compila a variedade e calidade de iniciativas que existen no noso país para a difusión do coñecemento científico. Son membros desta sección membros Susana Bayo Besteiro, Ánxela Bugallo Rodríguez, Eduardo Corbelle Rico, Alicia Estévez Toranzo, Alejandro Gorgal Romaris, Federico Martinón, Javier Méndez Zunzunegui, Blanca Puig, Xacobo de Toro Cacharrón, Xosé María Varela e Manuel Vicente García, perfís complementarios que achegan a súa experiencia e coñecemento.



