A temperatura media en Galicia durante o último verán subiu dous graos con respecto a 202o e, como consecuencia da calor, houbo 198 persoas falecidas. “O tren de borrascas en Galicia fixo que só houbo un día sen chuvia no mes e medio desde que empezou o ano” apuntou Beatriz Hervella, xefa de servizo de relacións con organismos europeos da AEMET, con ampla experiencia en cooperación internacional e no desenvolvemento de políticas climáticas e meteorolóxicas a nivel europeo. Na súa intervención que puxo en evidencia que o cambio climático está relacionado coa acción humana e tamén que os fenómenos meteorolóxicos son cada día máis extremos e teñen consecuencias para a saúde. Incidiu en que hai enfermidades meteorotrópicas, que son as que empeoran baixo determinadas configuracións atmosféricas. Hervella explicou que a radiación solar, alén de afectar ás enfermidades dermatolóxicas tamén afecta ás oculares e provoca trastornos afectivos estacionais; ou como a humidade afecta á pel, á respiración á artrite e á artrose; ou como as treboadas ou as afectacións do campo eléctrico atmosférico lle afectan á ansiedade, á depresión, á alerxia, á asma e á xaqueca vascular. Na súa opinión, “o coñecemento dos efectos na saúde da climatoloxía permitirá tomar decisións para adaptármonos mellor”. Centrou a súa intervención no impacto do incremento extremo da temperatura nas persoas, dada a alta evidencia científica. Cada ano morren no mundo cinco millóns de persoas por temperaturas non óptimas (por frío e calor). E puxo exemplos concretos de posibles medidas a adoptar “nos días de calor non se debería cubrir aos bebés con muselinas secas, porque aumenta a calor no seu interior, debe facerse cun pano húmido para baixar a temperatura”. Puxo especial fincapé na necesidade de protexer a nenos, adolescentes e maiores con medidas preventivas. Hervella tamén destacou que o cambio climático afecta máis cando xa hai enfermidades previas, sobre todo respiratorias e cardiovasculares.
No marco da sesión apuntouse que as consecuencias non són só un ámbito cuxa responsabilidade recae nos médicos, senón que se deben implicar a outros ámbitos, desde arquitectura aos medios de comunicación. Pedíronse medidas relativas ao urbanismo, coa creación de áreas de protección ou refluxos climáticos. “Está en xogo o noso benestar” apuntou Dominic Royé, investigador Ramón y Cajal na Misión Biolóxica de Galicia e especialista en biometeoroloxía e climatoloxía aplicada á saúde, que destacou que “o cambio climático agrava a desigualdade existente e incrementa enfermidades anteriores”. Royé destacou a aceleración das vagas de calor, “se antes de producía unha vaga de calor extrema cada cen anos, agora será cada tres ou catro anos e, nalgúns territorios, cada ano”.
A ecoansidade non é unha enfermidade
A psicóloga social Cristina Gómez Román achegou un relatorio titulado “Da ecoansiedade a acción” na que alertou que a ecoansiedade, entendida como medo crónico á destrución ambiental, “non é patolóxica, non require medicación e non demanda unha abordaxe clínica”. Na súa intervención apuntou que cómpre deseñear as mensaxes sobre a importancia de actuar perante o cambio climático para que a xente entenda os efectos no seu contorno próximo. “Non se trata da situación dun animal a dez mil quilómetros de distancia, é saber que ao mellor non poderemos pasear polas praias da nosa costa“ dixo na súa intervención. “Cómpre pasar dunha visión egocéntrica que tanto se potencia actualmente, a unha visión ecocéntrica de poder conectar as persoas co seu espazo” apuntou. Lembrou a importancia de interactuar coa natureza, de implicar á cidadanía pero tamén de obrigala e sancionala a través de leis e mecanismos de regulación. Puxo o acento na importancia de implicar á xente na toma de decisión, na creación de proxectos participativos e locais e na promoción de valores biosféricos e identidade ecolóxica porque, “cando nos implican en algo coidámolo mellor” apuntou.
Pechou a sesión Ricardo García Mira, catedrático de Psicología Social e Ambiental na Universidade da Coruña (UDC), especializado en estudo das relacións entre as persoas e o seu ambiente, a sustentabilidade e o cambio climático. Falou dos efectos sociais e psicolóxicos da transición enerxética, nomeadamente da investigación transdisciplinar que analiza o proceso de descarbonización en 13 rexións europeas, como consecuencia da transición enerxética. Advertiu dunha centralización do poder, con narrativas de transición moi diferentes, grandes obstáculos burocráticos e destacou a importancia dun maior investimento no sector sanitario para proporcionar apoio á saúde mental e a necesidade de potenciar a identidade de lugar e o arraigo. Na súa opinión, “protección ambiental e desenvolvemento económico deben ir da man”.




