----

A institución ultima “Emigrantas”, unha mostra sobre as historias das mulleres da emigración galega

“Emigrantas. Emerxer do silencio” é o novo proxecto expositivo do Consello da Cultura Galega (CCG). A mostra recupera e visibiliza a través de materiais de diferente tipo, as historias da emigración das mulleres galegas que foron silenciadas do relato oficial durante décadas. Comisariada por Antía Pérez Caramés, Keina Espiñeira e María Alonso Alonso e con deseño expositivo de Uqui Permui, inaugúrase o próximo 11 de marzo no Quiosco Alfonso da Coruña.

A exposición “Emigrantas. Emerxer do silencio” percorre arquivos históricos, instalacións artísticas, fotografías, materiais audiovisuais, cartas, obxectos e voces gravadas, para achegarse ás historias de mulleres que nos amosan as múltiples formas de partir, vivir, traballar, resistir e regresar destas mulleres que abriron camiños vitais, culturais e políticos alén das fronteiras.

O relato expositivo céntrase nas experiencias cotiás e colectivas das emigrantas: o traballo, a aprendizaxe, a organización social, os coidados, a escrita e a memoria transmitida. Ademais, tamén recoñece o labor das investigadoras, historiadoras e creadoras que fixeron emerxer estas voces. Artéllase nun diálogo entre arquivos históricos e a creación contemporánea, animando a escoitar, mirar e deter a atención nos relatos que emerxen ao longo da visita.

O proxecto do Consello da Cultura Galega contou coa colaboración do concello da Coruña e da Xunta de Galicia. Ademais, no marco da liña de traballo da institución programaranse visitas guiadas e obradoiros pensados para complementar e amplificar os contidos da exposición. A mostra estará aberta ata o vindeiro 3 de maio.